Ábrese o prazo para que as empresas opten a xestionar as casetas do Mercado do Nadal de Ourense

OurenseXa
O Parque de San Lázaro acollerá de novo o espazo nadalego, con vinte postos repartidos entre artesanía e alimentación, entre o 4 de decembro e o 6 de xaneiro
parque-de-san-lazaro-ourense
26 Oct 2026

A partir de mañá, martes 27 de outubro, as empresas interesadas en xestionar algunha das casetas do Mercado do Nadal de Ourense poderán comezar a presentar as súas ofertas para optar á concesión destes postos durante a vindeira campaña nadalega.

O mercado volverá instalarse no Parque de San Lázaro, un emprazamento pensado para dinamizar o comercio, a artesanía e o turismo na cidade durante estas datas. En total habilitaranse vinte casetas, construídas en madeira con estrutura de ferro galvanizado, que abrirán as súas portas do 4 de decembro de 2026 ao 6 de xaneiro de 2027.

As concesións repartiranse en dous bloques diferenciados segundo a actividade que se vaia desenvolver en cada posto. Por unha banda, trece casetas quedarán reservadas a artesanía, produción creativa, produtos e decoración do Nadal. Pola outra, sete postos destinaranse á alimentación propia destas festas.

A adxudicación das autorizacións realizarase mediante concorrencia competitiva, é dicir, valorando as distintas ofertas presentadas polas empresas interesadas.

Quen queira optar a unha destas casetas ten de prazo ata o 5 de novembro, ás 14.00 horas, para presentar a súa solicitude no Rexistro Xeral do Concello de Ourense. As bases que regulan todo o proceso poden consultarse de forma completa tanto na sede electrónica como na páxina web municipal.

0.18632984161377