Allariz acolleu unha nova edición do curso básico de Voluntariado Náutico

Esta fin de semana celebrouse en Allariz unha nova edición do curso básico de Voluntariado Náutico, que tivo lugar nas instalacións municipais e contou coa organización da Federación Galega de Piragüismo, coa colaboración do propio Concello e o apoio da Xunta de Galicia.
Trátase dunha formación que forma parte do programa “Padexa con nós”, unha iniciativa coa que a Federación busca poñer en marcha unha Rede Galega de Voluntariado Náutico Seguro, pioneira en Europa. O obxectivo é crear un grupo de persoas voluntarias con preparación específica para actuar en prevención de riscos, atención de emerxencias e apoio en situacións de rescate en contornas deportivas acuáticas.
Este ano só se organiza unha edición por provincia, e a de Allariz corresponde á de Ourense, sendo a terceira das programadas en Galicia tras as xa realizadas en Verducido e Rianxo. A serie completarase nas próximas semanas cun novo curso previsto na provincia de Lugo.
A formación, cun total de 15 horas lectivas, estruturouse en tres bloques principais. O primeiro centrouse na prevención de accidentes en eventos náuticos, abordando a identificación de riscos, a planificación da seguridade, a normativa vixente e a coordinación dos equipos de voluntariado. O segundo módulo estivo dedicado aos primeiros auxilios, incluíndo reanimación cardiopulmonar, uso do desfibrilador externo automático e a actuación ante diferentes situacións de emerxencia como golpes de calor, hipotermia ou afogamentos. O terceiro bloque tratou as técnicas de rescate en competicións acuáticas, desde o manexo de material de salvamento ata a coordinación con embarcacións de apoio.
A totalidade das prazas ofertadas foi cuberta por orde de inscrición. As persoas que non puideron acceder a esta edición terán prioridade na seguinte convocatoria prevista en Lugo, xa que só se imparte un curso por provincia.
Ademais, a Federación ten previsto ofrecer unha formación de nivel superior para quen complete esta primeira etapa e queira ampliar coñecementos, cun programa máis avanzado que se desenvolverá durante varias fins de semana no centro de formación “Suso Morlán” en Pontevedra.