Allariz busca fomentar a participación activa da mocidade nas actividades organizadas dende o Concello

OurenseXa
O Concello organiza este domingo a “Asemblea na Mocidade 2025”, coa que se busca que a mocidade poida participar na planificación de actividades e propostas para o novo ano
casa_concello_allariz
Casa do Concello de Allariz
11 Jan 2025

O Concello de Allariz organiza o encontro "Asemblea na Mocidade 2025", que tiña previsto realizarse este pasado venres pero que, finalmente, terá lugar mañá, domingo 12 de xaneiro, ás 18.00 horas na Casa da Mocidade.

A actividade busca fomentar a participación activa dos máis novos na planificación de actividades e propostas para o novo ano.

Entre os temas que se abordarán atópanse a programación de actividades unideiras, a creación dun espazo de lecer con xogos, a organización dun campionato de xadrez e a iniciativa "Libros Viaxeiros", que promove o intercambio de libros mediante o bookcrossing.

Tamén se analizarán propostas para mellorar a competencia e comprensión en galego, a convivencia a través da explicación de novas normas, e a posibilidade de recuperar as charrúas no Entroido.

O Concello anima á mocidade a participar activamente, achegar ideas e facer do 2025 un ano máis dinámico, inclusivo e enriquecedor para todos.

0.17546892166138