Allariz festexará o Entroido entre o 20 de febreiro e o 5 de marzo

O Concello de Allariz presenta o programa do Entroido 2025, que se celebrará do 20 de febreiro ao 5 de marzo cunha ampla variedade de actividades para todos os públicos. Pasarrúas, festas, concursos e música encherán as rúas da vila. O concelleiro de Cultura, Alberto Conde, acompañado polas técnicas da área, Carmen e Uxía, deu a coñecer na mañá de hoxe a programación do Entroido en Allariz para este 2025.
A programación comezará o xoves 20 de febreiro coa Noite de Compadres, que contará cun pasarrúas a cargo dos gaiteiros Polo pan baila o can, entre as 20.30 e as 22.30 horas. A semana seguinte, o xoves 27 de febreiro, será a quenda das Comadres, que percorrerán as rúas de Allariz acompañadas pola charanga Achicoria.
O venres 28 de febreiro, a festa prolongarase ata a madrugada coa Noite de Entroido, onde a Discomóbil Apocalipsis animará a Praza Maior desde as 23.30 ata as 01.30 horas.
O domingo 2 de marzo, celebrarase un pasarrúas coa charanga Alambique, que sairá da Barreira entre as 12.00 e as 14.00 horas.
O luns 3 de marzo, a festa continuará cunha xornada pensada para os máis pequenos, coa Festa Infantil da Discomóbil Apocalipsis na Praza Maior, de 17.30 a 20.00 horas. Pola noite, ás 21.30 horas, a tradicional Cachuchada reunirá á veciñanza na Barreira, organizada pola Asociación Cultural Xan de Arzúa. Para pechar a xornada, a charanga Los Fugitivos será a encargada de poñer a nota musical desde as 23.00 ata as 01.30 horas na Barreira.
O martes 4 de marzo será o día do Baile de Entroido e Concurso de Comparsas, que terá lugar na Barreira de 18.00 a 20.30 horas coa animación de Space Discomóbil.
Finalmente, o mércores 5 de marzo, ás 20.00 horas, comezará a despedida co Pranto de Entroido, no que participarán Silvardeiras Teatro, Cantos de Taberna Xolda e Universidade Laboral. O acto dará comezo na Praza Maior e rematará no Campo dos Brancos, onde se realizará a tradicional Queima do Meco.