Allariz prepara o dispositivo de seguridade para a Festa do Boi

OurenseXa
O subdelegado do Goberno en Ourense chama á cidadanía a desfrutar das celebracións "con responsabilidade"
eladio-santos-xunta-local-seguridade-allariz
14 May 2026

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, copresidiu esta mañá a xunta local de seguridade de Allariz, un encontro no se que se abordou a diagnose das estatísticas delituosas e ultimou o dispositivo de seguridade para a Festa do Boi, que se celebrará do 30 de maio ao 7 de xuño.

A reunión, celebrada no Concello de Allariz, estivo presidida tamén pola alcaldesa do municipio, María Cristina Cid Fernández, e contou coa asistencia da directora territorial de Presidencia, Xustiza e Deportes, Beatriz Fernández; da xefa da Unidade contra a Violencia Sobre a Muller da Subdelegación, Alida Iglesias, así como de membros da Garda Civil e a Policía Local, que abordaron tamén o estado da violencia machista, da seguridade cidadá e do Plan Director

No encontro, Eladio Santos animou á cidadanía a desfrutar da celebración “con seguridade e cumprindo as normas”, e coordinou ás Forzas e Corpos de Seguridade para “garantir a máxima seguridade e o normal desenvolvemento” da festa de interese turístico galego. Neste sentido, a Garda Civil e a Policía Local concretaron un dispositivo especial no que se aumentarán os efectivos de vixilancia. Aínda así, o subdelegado apelou á responsabilidade dos veciños, veciñas e visitantes para non lamentar ningún incidente.

Respecto ás estatísticas de criminalidade, o subdelegado destacou que o ano pasado se rexistrou en Allariz unha diminución do número total dos delitos do 47% fronte aos rexistrados no 2024, polo que quixo felicitar á Garda Civil e á Policía Local polo seu arduo traballo, en permanente coordinación. En concreto, reducíronse os delitos contra o patrimonio e contra as persoas.

Nestes momentos, hai oito casos activos no Sistema de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xénero (VIOGEN), un menos que na anterior Xunta Local de Seguridade o ano pasado. “Precisamos a implicación de toda a sociedade e todas as institucións para acabar coa lacra que supón a violencia sobre as mulleres”, incidiu o subdelegado, quen recordou que o número 016 está a disposición de todas as vítimas as 24 horas do día, os 365 días do ano.

Tamén se abordou o Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e nas súas Contornas, no marco do cal a Garda Civil impartiu 11 charlas en Allariz no que vai de curso escolar a un total de 262 alumnos e alumnas.

0.14647603034973