Allariz recibiu máis de 13.000 euros dentro do Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero
O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, realizou este venres unha visita institucional ao Concello de Allariz para coñecer da man da súa alcaldesa, Cristina Cid, e do seu tenente alcalde, Bernardo Varela, a situación e necesidades do municipio.
Por unha banda, os tres fixeron repaso sobre a fase de desenvolvemento na que se atopa o Plan de Sustentabilidade Turística en Destino no Concello de Allariz, dentro do cal a Secretaría de Estado de Turismo achega ao municipio un millón de euros para accións vencelladas ao turismo sostible. Segundo o subdelegado, “este plan concorda perfectamente co modelo turístico que representa a vila de Allariz, un pobo emblemático que aposta polo rural, no que este plan leva un ritmo óptimo de desenvolvemento”.
Ademais, tamén se fixo balance da importante axuda recibida dentro do Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero, que destinou en 2024 máis de 13.000 euros a Allariz, encamiñados á organización de iniciativas que loiten pola erradicación da violencia contra as mulleres.
Así mesmo, ambos representantes municipais presentáronlle a Santos as necesidades do municipio, polo que o subdelegado ofreceulles os recursos cos que conta o Goberno de España para continuar na mesma liña do traballo conxunto como ata o de agora. Entre estas peticións atopouse a axuda para a financiación de proxectos turísticos e de mellora da vila. Respecto diso, o subdelegado comprometeuse a trasladar a información recibida coa finalidade de “seguir colaborando e aportando solucións ao Concello de Allariz”, comentou.
Visita ao COEX
O subdelegado aproveitou a súa visita á zona para achegarse ata o Centro de Conservación e Explotación, que se atopa dotado de maquinaria e persoal do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible. Nesta visita estivo acompañado polo xefe provincial da Unidade de Estradas do Estado en Ourense, Álvaro Rodríguez, e pola xefa da Unidade de Protección Civil da Subdelegación do Goberno, Mari Carmen Lodos.
Durante o percorrido comprobaron que o COEX conta con moderna e actualizada maquinaria, cunhas instalacións altamente dixitalizadas e cos modelos precisos para abordar calquera problema de vialidade invernal nas estradas da demarcación, especialmente na A-52. Traballando en coordinación cos centros de conservación de Pontevedra e Zamora, a instalación ourensá mantén activados todos os recursos precisos para este inverno, como as máquinas quitaneves, de sal e salmoira, así como brigadas. Ademais, está prevista a construción dunha nova nave que actúe de almacén para gardar o material e parte dos vehículos do centro.