Allariz reforza a comunicación coa veciñanza a través dunha nova canle

O Concello de Allariz pon en marcha unha nova canle de comunicación a través de WhatsApp, co obxectivo de achegar información de interese xeral á veciñanza de maneira directa e inmediata. A través desta canle difundiranse novas municipais, eventos culturais, avisos, alertas e outros contidos relevantes.
Esta iniciativa está pensada especialmente para aquelas persoas que non utilizan redes sociais e que demandaban un xeito máis directo de estar informadas, tal e como explicou a alcaldesa Cristina Cid.
“Somos conscientes de que, hoxe en día, a comunicación dixital é fundamental e que as redes sociais son unha ferramenta moi útil para informar. Porén, tamén sabemos que non toda a cidadanía as emprega, e hai veciñas e veciños que nos trasladan que, ás veces, non se decatan a tempo da información. Por iso decidimos poñer en marcha esta nova canle de WhatsApp, un sistema sinxelo e accesible que permite achegar as novidades directamente ao móbil, para que toda a veciñanza estea ao día do que acontece en Allariz”.
A decisión do Concello vén motivada porque na actualidade, din, case todas as franxas de idade desde a mocidade ata a xente maior, teñen un teléfono móbil e utilizan WhatsApp no seu día a día. Aproveitando esta realidade, o Concello habilita esta nova canle para que a información municipal chegue directamente ao móbil das persoas interesadas, sen depender doutras plataformas.
A canle será unidireccional e non está pensada para conversar nin para facer consultas ao Concello. Ademais, as vías habituais para comunicarse co Concello seguen activas: rexistro presencial, sede electrónica, teléfono e correo electrónico municipal.