Alternativas na Xustiza denuncia a situación do Servizo Común de Tramitación Penal de Ourense

A organización Alternativas na Xustiza vén de denunciar a situación do Servizo Común de Tramitación Penal do Tribunal de Instancia de Ourense, que, segundo sinalan, acumula máis de 3.500 procedementos pendentes por falta de persoal.
Segundo o colectivo, a reorganización derivada da creación do Tribunal de Instancia supuxo unha redución significativa dos cadros de persoal respecto á situación anterior, cando os xulgados de instrución e os xulgados do penal contaban con máis efectivos distribuídos entre xestión, tramitación e auxilio xudicial.
Tras a nova estrutura, o Servizo Común de Tramitación Penal quedou dividido en dúas seccións —instrución e axuizamento— cunha dotación que, segundo os denunciantes, resulta insuficiente para asumir a carga actual de traballo. En total, afirman que a redución de persoal sitúase arredor do 54%.
Alternativas na Xustiza advirte de que esta situación obriga a un número reducido de funcionarios a tramitar máis de 3.500 procedementos e arredor de 1.000 escritos, o que estaría provocando unha sobrecarga estrutural e atrasos na xestión diaria.
O colectivo tamén sinala que a situación contribúe ao incremento das suspensións de vistas. Segundo os datos que achegan, no primeiro trimestre do ano suspendéronse preto de 70 xuízos, aos que se suman máis de 550 procedementos pendentes de celebración a 31 de marzo de 2026, segundo estatísticas do CGPJ.
Ademais, advirten de que os atrasos están a alongar os sinalamentos ata o ano 2027, o que, ao seu xuízo, agrava o colapso do sistema.
No caso da sección de instrución, indican que a carga inclúe máis de 2.500 procedementos e máis de 650 escritos, ademais das gardas semanais e das declaracións programadas a diario, o que dificultaría o cumprimento dos prazos establecidos na lexislación procesual.
Alternativas na Xustiza afirma que xa puxo esta situación en coñecemento da Dirección Xeral de Xustiza e da coordinación xudicial de Ourense en varias ocasións, sen que, segundo indican, se adoptasen medidas suficientes de reforzo.
O colectivo conclúe advertindo de que, de non ampliarse os cadros de persoal, o colapso podería agravarse, con posibles consecuencias sobre os dereitos das persoas implicadas en procedementos xudiciais, incluídas aquelas sometidas a medidas cautelares.