Alumnado e profesorado de distintos países citouse esta semana en Ourense na International Week 2026

O campus de Ourense acolleu ao longo desta semana a celebración da International Week 2026, unha cita académica que reuniu profesorado e alumnado de distintos países arredor do lema ‘Interdisciplinary bridges for a sustainable future’ (Pontes interdisciplinarias para un futuro sostible). A actividade, organizada polas facultades de Ciencias Empresariais e Turismo e de Relacións Internacionais, concluíu este venres tras cinco días de intensa programación.
A iniciativa, cunha longa traxectoria na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, ampliou nesta edición a súa participación ao outro centro co que comparte edificio, reforzando así a colaboración entre ambas titulacións. No encontro participaron 22 docentes procedentes de universidades de Alemaña, Portugal, Estados Unidos, Polonia, Rusia, Italia, Brasil, Reino Unido e Eslovaquia, ademais de España, con presenza destacada de profesorado da Universidade de Vigo.
No caso do alumnado, a actividade contou coa participación dunha decena de estudantes da Universidade de Bremerhaven (Alemaña), así como de estudantes dos graos de Relacións Internacionais, Turismo e Administración e Dirección de Empresas do campus ourensán. A cita desenvolveuse co apoio do Campus Auga, do Consello Social da Universidade de Vigo e do Inorde.
A programación combinou conferencias, talleres, visitas e espazos de debate sobre cuestións de actualidade. Ao longo da semana abordáronse temas como as relacións interculturais e a cooperación global, a innovación educativa apoiada na intelixencia artificial, o desenvolvemento sostible ou a toma de decisións no ámbito empresarial e institucional.
Desde a organización destacaron que esta edición puxo o foco na necesidade de tender pontes entre disciplinas e ámbitos profesionais, reunindo participantes “para explorar os desafíos globais actuais desde múltiples perspectivas”. Neste sentido, subliñaron que o programa estivo “centrado en temas que conectan os nosos campos e áreas de especialización”.
Entre as actividades máis destacadas incluíronse sesións sobre diplomacia e diálogo intercultural, análises da gobernanza global e os negocios internacionais, así como unha xornada que combinou seminarios académicos cunha visita de estudo a Ribadavia, na que se abordaron cuestións como o turismo sostible e o desenvolvemento rural.
A recta final da semana estivo marcada pola presentación de proxectos de investigación e por un debate sobre o impacto da intelixencia artificial na educación superior e na toma de decisións organizativas. Ademais, o programa completouse con visitas culturais a diferentes puntos de interese de Ourense, como o seu centro histórico e o mosteiro de Oseira.
Co peche desta edición, a International Week consolídase como un espazo de encontro internacional no campus de Ourense, centrado no intercambio de coñecemento e na reflexión conxunta sobre os retos globais.