Anulada a adxudicación do contrato dos autobuses urbanos de Ourense

OurenseXa
O TACGal obriga a revisar varios aspectos das ofertas presentadas antes de resolver de novo a concesión do servizo, mentres o PSdeG critica a xestión do proceso por parte do Concello
Autobuses-urbanos-ourense
6 Aug 2026

O proceso de contratación do servizo de autobuses urbanos de Ourense deberá volver a unha fase anterior despois de que o Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia (TACGal) deixase sen efecto a adxudicación realizada á UTE Sagalés-Gavilanes.

A resolución 181/2026 estima parcialmente os recursos interpostos por tres das empresas que participaron no concurso e determina que o expediente regrese á Mesa de Contratación municipal para que revise determinados aspectos das ofertas antes de adoptar unha nova decisión.

O propio Tribunal aclara que esta resolución non implica que exista ningunha causa de exclusión acreditada nin supón a exclusión automática de ningunha das empresas licitadoras. O que establece é a necesidade de que o órgano de contratación analice con maior detalle catro cuestións concretas que considera pendentes de valoración.

Entre elas figura a comprobación de que as instalacións propostas pola empresa inicialmente adxudicataria e polas dúas seguintes clasificadas cumpren coas condicións fixadas nos pregos. Tamén deberá revisarse a documentación presentada para acreditar a solvencia técnica da adxudicataria, unha inexactitude detectada na súa declaración responsable e a adecuación dos estudos económicos achegados polas tres ofertas mellor clasificadas.

Segundo explica o Concello, tres destes aspectos foron expostos por primeira vez nos recursos presentados ante o TACGal e non durante a tramitación administrativa da licitación. A única cuestión que xa formaba parte do expediente era a referida aos estudos económicos.

Unha vez coñecida a resolución, a Mesa de Contratación volverá reunirse para solicitar as aclaracións ou informes técnicos que considere precisos e decidir posteriormente se algunha das circunstancias analizadas pode afectar á validez das ofertas.

O Tribunal si rexeitou outra das pretensións formuladas nun dos recursos, que solicitaba a anulación de toda a licitación polos cambios introducidos nas liñas do transporte urbano durante os últimos meses.

Tras coñecerse a resolución, o grupo municipal socialista lamentou que o proceso sufra un novo contratempo e advertiu de que a situación atrasará a mellora do servizo. A concelleira María Fernández Ojea sostén que “unha vez máis, queda en evidencia que a falta de planificación e de rigor na xestión acaba tendo consecuencias directas para a veciñanza”.

Desde o PSdeG lembran que levan tres anos cuestionando a tramitación do contrato, desde a compra dos novos vehículos ata o deseño das liñas e a propia concesión do servizo. “Dixémolo coa compra dos novos autobuses, co deseño das novas liñas e tamén coa adxudicación da concesión. Hoxe, por desgraza, os feitos volven demostrar que as nosas advertencias estaban plenamente xustificadas. Prefeririamos falar dun servizo moderno e de novas propostas para o mesmo, pero continuamos varados no pasado”, afirma a edil.

Os socialistas consideran que a resolución prolongará a continuidade dun servizo que cualifican de insuficiente e reiteran a súa aposta por un transporte público “moderno, eficiente, accesible e adaptado ás necesidades reais da cidade”. Ademais, aseguran que seguirán defendendo unha planificación baseada en criterios técnicos e lembran que “levamos anos facendo propostas en positivo fronte aos erros deste proceso porque cremos que Ourense pode e debe ter un transporte público mellor e un goberno que saiba facelo posible”.

0.13197898864746