Aprobadas as bases para axudas das Copas Deputación 2025

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou este luns as bases reguladoras para as axudas das Copas Deputación 2025, dotadas con 90.000 euros.
O obxecto destas bases é a regulación da convocatoria pública, por parte da Deputación Provincial de Ourense, para a tramitación e concesión de subvencións destinadas a desenvolver, prioritariamente, nunha ou varias xornadas, competicións deportivas que baixo a denominación de Copas Deputación se desenvolvan integramente na provincia de Ourense durante a actual temporada deportiva 2024-2025. A estes efectos, advírtese que a competición deportiva denominada “Copa Deputación”, para ser subvencionable ao abeiro das presentes bases, debe celebrarse como competición (federada ou non federada) exclusiva, non podendo desenvolverse de xeito simultáneo con outras competicións, torneos ou eventos, e debendo figurar exclusivamente, ademais, a referencia “Copa Deputación” na súa denominación. Tendo en conta que cada disciplina deportiva pode estar dividida en varias modalidades deportivas, unicamente serán subvencionables un máximo de dúas Copas Deputación nas diferentes modalidades deportivas en que se divide unha disciplina deportiva.
Poderán ser beneficiarias deste programa as federacións deportivas galegas, a través das súas respectivas delegacións na provincia de Ourense. Se a sede social da federación galega estivese radicada na nosa provincia, ou se esta carecese de delegación en Ourense, poderá realizar a solicitude a propia federación galega, directamente. Igualmente, as federacións poderán encomendarlle a organización da Copa Deputación a unha entidade deportiva domiciliada na provincia de Ourense, sendo esta última a que, neste caso, presente a solicitude. En todo caso soamente se admitirá unha solicitude por cada Copa Deputación.
Tamén en materia deportiva, aprobouse unha achega a favor da Federación Española de Baloncesto por un importe de 121.000 euros.