O Irixo aproba o orzamento máis alto dos últimos anos, con preto de 1,72 millóns de euros

GaliciaXa | OurenseXa
Máis de medio millón irá destinado a investimentos en camiños, eficiencia enerxética e a construción dunha nova nave-almacén municipal
orzamento_irixo_2026
7 Aug 2026

O Pleno do Concello do Irixo aprobou o orzamento municipal para 2026, o máis elevado dos últimos exercicios. As contas municipais ascenden a 1.716.488,40 euros, unha cifra que, segundo destaca o equipo que dirixe a alcaldesa Rosa María Dalama, permitirá manter os servizos públicos e seguir impulsando novos proxectos en todo o municipio.

Do total orzamentado, 519.606,12 euros —máis de medio millón de euros— irán destinados a investimentos. Estes fondos financiarán melloras en camiños, vías e espazos públicos, xunto con actuacións de eficiencia enerxética, abastecemento, depuración e protección ambiental.

Entre os proxectos máis destacados figura a construción dunha nova nave-almacén municipal, unha infraestrutura que permitirá gardar maquinaria, materiais e ferramentas, mellorando así tanto a autonomía dos servizos do Concello como as condicións de traballo do persoal municipal.

As contas tamén reservan partida para o mantemento dos servizos municipais habituais, o apoio á actividade cultural e deportiva, a colaboración co tecido asociativo local e a atención ás necesidades ordinarias da veciñanza.

Boa parte destes investimentos foi posible grazas ao financiamento conseguido doutras administracións públicas, resultado do traballo de planificación e tramitación levado a cabo polo Concello. Dende o goberno local sinalan ademais que a aprobación destas contas reflicte o diálogo e o entendemento acadado entre os membros do executivo municipal, o que permitiu pechar un acordo sobre as prioridades do Irixo para este novo exercicio.

0.13103580474854