As socialistas de Ourense impulsan medidas para revitalizar o comercio local e reclaman maior igualdade na representación institucional

OurenseXa
O Grupo Municipal Socialista defenderá no pleno dúas mocións centradas na dinamización económica e na representación equilibrada de mulleres e homes nos actos públicos
natalia-gonzalez-maria-fernandez-ojea
1 Jul 2026

O Grupo Municipal Socialista de Ourense presentará no pleno ordinario deste venres dúas mocións co obxectivo de avanzar cara a un modelo de cidade máis dinámico, igualitario e con máis oportunidades. As iniciativas céntranse no apoio ao comercio local e na representación equilibrada de mulleres e homes nos actos institucionais.

Segundo explicou a concelleira socialista María Fernández, estas propostas responden á necesidade de abordar dous retos que afectan directamente á identidade e ao futuro da cidade. Fernández advertiu da progresiva perda de actividade comercial en Ourense e criticou que o goberno municipal continúe “sen impulsar políticas estruturais que dean resposta ao peche continuado de negocios e ao aumento dos locais baleiros”.

“A cidade perde identidade, perde presenza e perde oportunidades. Cada vez son menos as persoas que apostan por emprender en Ourense e iso require moito máis ca medidas puntuais ou campañas de impacto. O que precisamos é unha planificación seria que aposte polo comercio de proximidade como motor económico e social”, afirmou.

A edil socialista defendeu a posta en marcha dun plan específico de dinamización tanto para o casco histórico como para os barrios, subliñando que o comercio local non só xera emprego, senón que tamén crea comunidade, mantén vivos os espazos urbanos e mellora a calidade de vida da veciñanza.

A segunda moción pon o foco na presenza das mulleres nos actos públicos organizados polas institucións. Fernández sinalou que, a pesar dos avances en igualdade, segue a existir unha infrarrepresentación feminina nos espazos de visibilidade institucional.

“As mulleres estamos presentes nos ámbitos profesionais, sociais e políticos, pero seguimos sen ocupar o lugar que nos corresponde nas fotografías oficiais e nos actos públicos. A representación institucional tamén educa e transmite referentes. As nenas teñen dereito a verse reflectidas e os nenos a medrar entendendo que a responsabilidade pública tamén ten rostro de muller”, destacou.

Neste sentido, o Grupo Socialista propón que as administracións incorporen criterios de representación equilibrada na organización de actos públicos e na composición das mesas institucionais, co obxectivo de evitar imaxes cunha presenza masculina maioritaria.

“Non é unha cuestión de cotas nin de cumprir un trámite. É unha cuestión de coherencia democrática e de representar á sociedade tal e como é”, concluíu.

No mesmo contexto político, o grupo tamén recolle que Natalia González anunciou a súa precandidatura ás primarias socialistas, apostando por un proxecto colectivo para construír a alternativa de goberno.

0.12924003601074