As socialistas de Ourense reclaman medidas urxentes fronte á calor extrema e critican a planificación das festas

O Grupo Municipal Socialista no Concello de Ourense advertiu esta mañá da falta de medidas municipais para facer fronte ás altas temperaturas e denunciou a ausencia de planificación tanto nas Festas do Corpus como na programación organizada arredor do Día do Orgullo LGTBI.
A concelleira Alba Iglesias asegurou que “Ourense vive cada verán unha situación extrema que xa non pode considerarse excepcional” e lamentou que, malia que este ano se falou amplamente dos refuxios climáticos, “non vimos ningunha medida real para protexer á veciñanza”.
Engadiu que “O calor mata e o cambio climático tamén. En Ourense seguimos sen tomarnos en serio esta realidade”, e criticou que a cidade “non está adaptada urbanísticamente ás temperaturas extremas”. Segundo explicou, continúan faltando fontes de auga potable, espazos de sombra, árbores adecuadas á climatoloxía da cidade e zonas públicas frescas onde refuxiarse durante as horas de maior calor.
Como exemplo desta situación, referiuse ao concerto de Hard GZ celebrado durante as Festas do Corpus, no que se produciron desmaios entre o público debido ás altas temperaturas.
“Houbo momentos de auténtica angustia. O propio artista tivo que interromper o concerto para pedir que se repartise auga entre os asistentes porque había mozas desmaiándose”, lembrou.
Iglesias criticou que nun evento multitudinario organizado en plena alerta por calor extrema existise un único punto de abastecemento con dous billos, que ademais non funcionaban correctamente, e cuestionou tamén que se obrigase aos asistentes a retirar o tapón das botellas de auga no control de acceso.
Ante esta situación, o Grupo Socialista reclama a creación de puntos de hidratación gratuítos e dimensionados segundo o aforo en todos os eventos culturais, deportivos e festivos autorizados ou organizados polo Concello; unha rede estable de refuxios climáticos; máis espazos de sombra na cidade; medidas específicas de protección para traballadores expostos ao exterior, persoas maiores, infancia e mascotas; e a apertura de piscinas municipais gratuítas durante os episodios de calor extrema.
“Non chega con publicar recomendacións nas redes sociais pedindo que a xente beba auga ou camiñe pola sombra cando en Ourense practicamente non hai sombra”, concluíu.
Pola súa banda, a concelleira María Fernández realizou un balance crítico das Festas do Corpus e da programación do Orgullo, asegurando que “todas as festas deste goberno son sempre a mesma festa: sen planificación, sen alma e sen pensar nas persoas”.
A edil socialista valorou positivamente que o Concello programe actividades coincidindo co Día do Orgullo LGTBI, pero advertiu de que “a defensa dos dereitos non pode limitarse a organizar un único evento nin reducirse a unha celebración puntual”.
Fernández lembrou que os delitos de odio contra o colectivo LGTBI continúan aumentando e considerou imprescindible acompañar a programación festiva con políticas públicas permanentes de igualdade, inclusión e diversidade.
“O que fai falta é gobernar pensando na veciñanza, non limitarse a organizar festas. Hai que defender os dereitos todos os días do ano”, afirmou.
Entre as propostas do PSdeG figuran a recuperación de programas municipais específicos de diversidade e inclusión, accións formativas dirixidas especialmente á mocidade para combater os discursos de odio e a recuperación de iniciativas participativas que historicamente formaron parte da celebración do Orgullo en Ourense.
“As persoas teñen dereito a pasear por unha cidade con sombra, a asistir a eventos con acceso garantido á auga e a vivir nun Concello que defenda activamente os seus dereitos. Se iso non sucede, é difícil entender a que se dedica realmente este goberno municipal”, concluíu María Fernández.