As socialistas levan ao Consello de Servizos Sociais de Ourense un paquete de propostas para modernizar os coidados

O grupo municipal socialista presentou no Concello de Ourense un conxunto de propostas en materia de servizos sociais co obxectivo de avanzar cara a un modelo máis áxil, preventivo e centrado nas persoas. Segundo explican desde o PSdeG, a iniciativa busca reforzar a resposta pública e mellorar a calidade de vida da cidadanía.
As socialistas subliñan que “Ourense non se pode permitir seguir chegando tarde aos problemas sociais” e defenden a necesidade de cambiar o enfoque actual para anticiparse ás situacións de risco e situar os coidados como eixo central da acción pública. “O que propoñemos é claro: menos burocracia e máis solucións. Porque a política social non pode ser un trámite, ten que ser unha resposta real”, explican nun comunicado.
O documento presentado estrutúrase en catro grandes áreas. En primeiro lugar, o apartado de dereitos básicos e resposta inmediata, no que se inclúe a atención prioritaria ás urxencias sociais, a redución dos prazos para a tramitación de axudas, o reforzo da atención ás persoas sen fogar, a eliminación das listas de espera na dependencia e a aplicación automática de tarifas sociais para fogares vulnerables.
O segundo eixo céntrase nos coidados, a conciliación e a igualdade, con propostas para apoiar ás familias, especialmente ás monomarentais, reforzar o Centro de Información á Muller, dar estabilidade ao terceiro sector e recuperar espazos de participación cidadá.
En terceiro lugar, o bloque de benestar, saúde mental e comunidade aposta por un plan municipal de saúde mental, a dinamización dos centros cívicos como espazos de benestar, o impulso do envellecemento activo e a promoción do lecer como dereito social.
Por último, o eixo de innovación social propón novas ferramentas de intervención como unha oficina de soidade non desexada, unha tarxeta social intelixente, redes de apoio comunitario e programas de inclusión dixital e emprego con impacto local.
Desde o grupo socialista insisten en que o obxectivo é “garantir respostas eficaces” e avanzar cara a un modelo de servizos sociais máis próximo e operativo. “O que reclamamos é moi sinxelo: menos burocracia e máis solucións. Porque a política social non pode ser un trámite, ten que ser unha resposta real”, conclúen.