As socialistas levarán ao pleno de xuño unha moción para reforzar a transparencia no uso dos espazos públicos por parte do Concello

OurenseXa
Reclaman que as rúas, prazas e instalacións municipais “non poden estar sometidas ao criterio político de quen goberna en cada momento”
maria-fernandez-natalia-gonzalez
29 May 2026

As socialistas levarán ao pleno unha moción para reforzar a transparencia no uso dos espazos públicos por parte do Concello

Reclaman que as rúas, prazas e instalacións municipais “non poden estar sometidas ao criterio político de quen goberna en cada momento”

O grupo municipal do PSdeG no Concello de Ourense presentará no vindeiro pleno ordinario de xuño unha moción coa que pretende reforzar o uso democrático, transparente e non discriminatorio dos espazos públicos da cidade. A proposta pon o foco en garantir que a autorización de actividades en rúas, prazas e instalacións municipais se axuste a criterios claros e obxectivos.

Segundo expón o grupo socialista, a iniciativa nace despois de diversas denegacións de permisos para a organización de actos promovidos por colectivos sociais, culturais, veciñais, xuvenís, medios de comunicación e outras entidades da cidade. Esas negativas estarían a fundamentarse, segundo denuncian, nunha interpretación ampla da falta de “interese público”.

A portavoz socialista no Concello, Natalia González, advertiu de que “o espazo público é de toda a cidadanía e non pode converterse nun ámbito condicionado pola afinidade política, ideolóxica ou persoal co alcalde ou co Executivo municipal de quenda”.

A iniciativa subliña tamén que o uso dos espazos comúns forma parte da vida democrática da cidade e reclama que se eviten criterios pouco definidos na súa xestión. Nese sentido, a portavoz defende que “A democracia constrúese tamén nas rúas, nas prazas e nos espazos compartidos. Limitar o acceso a estes lugares mediante argumentos ambiguos ou discrecionais supón unha preocupante restrición da participación cidadá e da pluralidade que debe caracterizar unha cidade aberta e democrática”.

A moción socialista propón elaborar unha regulación específica que marque pautas precisas para autorizar actividades en espazos municipais, co obxectivo de reforzar a seguridade xurídica, a igualdade de trato e a transparencia administrativa.

Así mesmo, o PSdeG insiste en que o concepto de interese público debe interpretarse de maneira ampla e non restritiva. Tal e como sinala González, “o interese público non pode depender exclusivamente da interpretación política do alcalde e a cultura, o debate público, a actividade social, a solidariedade ou a convivencia entre sensibilidades distintas forman parte, precisamente, dese interese xeral que as institucións teñen a obriga de protexer”.

Entre as medidas que se propoñen inclúese que as resolucións de denegación de permisos estean debidamente xustificadas, detallando causas concretas como cuestións técnicas, de seguridade, dispoñibilidade ou legalidade, evitando argumentos xenéricos que poidan dar lugar a arbitrariedade.

Por último, a moción tamén pide recoñecer o papel das entidades sociais, culturais, xuvenís e veciñais, así como dos medios de comunicación, na dinamización da vida pública da cidade.

A portavoz socialista resume o espírito da iniciativa sinalando que “Ouense non pertence a quen goberna temporalmente. A cidade pertence á súa xente. E os espazos públicos deben seguir sendo lugares de encontro, expresión, participación e liberdade para todas e todos”.

 

0.14532709121704