As socialistas presentan unha batería de emendas ao Orzamento de 2026 para impulsar o crecemento de Ourense

O grupo municipal socialista presentou emendas ao proxecto de Orzamento Xeral do Concello de Ourense para 2026, cun conxunto de propostas orientadas a mellorar os servizos públicos, a planificación económica e a resposta ás necesidades sociais e urbanas da cidade. “En definitiva, traballamos nun presuposto para que a cidade poida medrar”, explicou a edil María Fernández Ojea.
As propostas socialistas céntranse, en primeiro lugar, na garantía da seguridade xurídica do expediente orzamentario. Para iso, solicítase incorporar os informes preceptivos de Intervención e acreditar as correccións realizadas durante a tramitación. Tamén se propoñen cambios nas bases de execución para reforzar o control interno, a transparencia e o acceso á información.
No ámbito económico-financeiro, o grupo do PSdeG-PSOE propón a creación dun Plan Municipal de Loita contra a Fraude Fiscal e Modernización da Recadación, co obxectivo de mellorar a xestión dos ingresos públicos. Segundo explican, esta medida permitiría incorporar unha previsión adicional de 1,2 millóns de euros ao estado de ingresos.
Tamén inclúen un Plan de Pago a Provedores e un Plan de Utilización do Remanente de Tesourería para 2026-2027, co fin de establecer criterios e prazos máis definidos para o pagamento de obrigas pendentes e a planificación dos recursos municipais.
No eido social, as emendas contemplan a creación dun Plan Municipal de Vivenda 2026-2030, cunha dotación inicial de 3 millóns de euros con cargo ao remanente, destinado á rehabilitación urbana, mobilización de vivenda baleira e apoio ao alugueiro xuvenil e social.
Entre as novas medidas destacan tamén programas específicos como “Ourense SUMA”, dotado con 280.000 euros para compensar o incremento de taxas municipais mediante axudas directas, e “Ourense Medra”, cun investimento de 300.000 euros para apoiar a infancia, as familias e a natalidade. A isto súmase o reforzo das partidas de emerxencia social, libros, material escolar e comedores.
No ámbito educativo, proponse un Plan Municipal de Apoio Educativo e Campamentos para ampliar a conciliación e o reforzo educativo en períodos non lectivos.
En materia de saúde, o grupo socialista reclama un Programa Municipal de Saúde Mental e Benestar Emocional, centrado na prevención e no acompañamento comunitario, con especial atención á mocidade, persoas maiores e colectivos vulnerables. “No ámbito da saúde, cremos imprescindible o desenvolvemento dun Programa Municipal de Saúde Mental e Benestar Emocional centrado na prevención, a sensibilización e o acompañamento comunitario, con especial atención á mocidade, ás persoas maiores e aos colectivos vulnerables para paliar consecuencias que se veñen incrementando dende a pandemia”, defendeu a representante socialista.
As propostas tamén inclúen un Plan Transversal de Igualdade que abranga áreas como educación, cultura, deporte, emprego ou urbanismo, ademais de programas de saúde afectivo-sexual e educación emocional.
No eido cultural e xuvenil, plantexan o programa “Ourense Vivo: Talento Local”, centrado no apoio á cultura de base e á promoción de artistas emerxentes, así como iniciativas de ocio alternativo e diversidade.
No apartado urbanístico, proponse o programa “Ourense Respira”, que inclúe actuacións de adaptación climática, ampliación de zonas verdes, recuperación de espazos públicos, eliminación de infraestruturas obsoletas e creación de aparcadoiros disuasorios.
En materia deportiva, as emendas contemplan o reforzo do deporte base e a mellora das infraestruturas, incluíndo novos equipamentos como un pavillón de ximnasia ou un skate park cuberto.
Finalmente, o grupo socialista propón un Plan de Dinamización Turística vinculado á alta velocidade, con actuacións no casco histórico, apoio ao comercio tradicional e posta en valor do patrimonio cultural e termal.
O conxunto das propostas preséntase garantindo o equilibrio orzamentario mediante a reordenación de partidas con baixa execución ou gasto non esencial, co obxectivo de priorizar investimentos con impacto directo na cidadanía.
“As socialistas propoñemos que o Concello de Ourense destine o aumento de ingresos ás persoas que apostan pola nosa cidade e que deciden facer aquí o seu proxecto de vida”, concluíu a representante.