As socialistas reclaman máis información sobre o proxecto de ordenanza reguladora de avaliación de edificios

OurenseXa
Advirten de que a ordenanza terá un impacto directo na veciñanza polo que esixen ampliar o prazo de presentación de propostas así como coñecer toda a documentación para analizar en profundidade o texto
psoe-concello-ourense-orzamntos-natalia-gonzalez-alba-iglesias
2 Apr 2026

O grupo municipal socialista de Ourense reclama máis información sobre o proxecto de ordenanza reguladora do informe de avaliación dos edificios antes de presentar emendas, ao considerar que faltan datos clave para un debate rigoroso.

A formación vén de rexistrar unha batería de preguntas en relación con esta normativa, así como unha solicitude formal para ampliar o prazo de presentación de propostas. Segundo explican, a documentación requirida resulta fundamental para analizar en profundidade o texto, xa que terá un impacto directo na veciñanza, tanto en obrigas como en custos. Entre as cuestións formuladas inclúense aspectos como o procedemento de elaboración da ordenanza, a posible participación de equipos externos na súa redacción, o impacto económico real para os propietarios dos inmobles e os recursos previstos para a súa aplicación.

O prazo actual para presentar emendas remata o vindeiro 8 de abril, polo que o grupo considera necesario dispor de toda a información antes desa data para garantir un proceso transparente. Por iso, solicitan que o cómputo do prazo comece unha vez se facilite a documentación completa. As socialistas sinalan que “non se trata de atrasar o procedemento, senón de facelo ben”, e lembran que a normativa recoñece o dereito dos membros da Corporación a acceder á información necesaria para exercer as súas funcións.

Ademais, insisten en que a aprobación dunha ordenanza desta relevancia require “transparencia, participación e coñecemento completo do expediente”, advertindo de que a falta de información pode limitar a capacidade de presentar emendas fundamentadas.

0.1207959651947