As socialistas solicitan información detallada sobre os pagos atrasados do Concello de Ourense

O grupo municipal socialista de Ourense considera que as explicacións ofrecidas polo alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, na Xunta de Portavoces celebrada este xoves supoñen un recoñecemento de que os atrasos no pagamento de facturas non están motivados pola falta de recursos económicos nas arcas municipais.
A portavoz do PSdeG no Concello, Natalia González Benéitez, afirmou que a reunión confirma unha análise que o seu grupo vén defendendo desde hai anos. “A boa noticia é que o rexedor por fin detectou o problema. A mala é que leva tres anos para facelo”, sinalou.
Tras o encontro, o PSOE rexistrou unha solicitude para acceder á información relativa ás facturas pendentes ás que fixo referencia o alcalde. Entre a documentación requirida inclúense os importes, a antigüidade dos pagos, os departamentos afectados, o estado da súa tramitación administrativa e os informes emitidos polos servizos municipais.
Desde o grupo socialista sosteñen que a existencia de liquidez non implica automaticamente a posibilidade de abonar unha factura, xa que os gastos deben cumprir os procedementos legais establecidos, contar coa correspondente cobertura orzamentaria e superar os controis de fiscalización. Segundo explican, estes requisitos son os que garanten a correcta utilización dos fondos públicos.
A formación tamén expresa a súa preocupación pola falta de datos concretos sobre o alcance da situación. Os socialistas consideran necesario coñecer se os atrasos afectan a contratos de gran volume económico ou se, pola contra, poden estar a repercutir no funcionamento ordinario dos servizos municipais.
Natalia González Benéitez criticou ademais que o alcalde atribúa as dificultades a factores alleos ao Goberno local. Na súa opinión, corresponde ao executivo municipal identificar as causas dos atrasos, adoptar medidas correctoras e ofrecer solucións que permitan normalizar a tramitación e pagamento das facturas.