As Xornadas Nacionais de Enfermeiras Xestoras contarán coa colaboración da Deputación de Ourense para a súa vindeira edición

GaliciaXa | OurenseXa
O congreso, que se celebrará en abril en Santiago de Compostela, reunirá a máis de mil profesionais de Galicia, España, Portugal e Brasil baixo o lema do liderado na xestión enfermeira
Xornadas Nacionais Enfermeiras Xestoras Luis Menor
16 Oct 2026

As 37 Xornadas Nacionais de Enfermeiras Xestoras celebraranse os días 21, 22 e 23 de abril en Santiago de Compostela, un congreso que prevé reunir a máis de mil profesionais procedentes de diferentes puntos de Galicia e do resto de España, ademais de asistentes chegados desde Portugal e Brasil.

O encontro está organizado pola Asociación Nacional de Directivos de Enfermería (ANDE) e constitúe un espazo de referencia dentro do sector sanitario para a análise, o intercambio de coñecemento e a reflexión sobre o presente e o futuro da xestión enfermeira.

Baixo o lema "Gestión Enfermera: un Camino de liderazgo, compromiso y equipo", esta edición terá como obxectivo fortalecer o papel das enfermeiras xestoras como motor de transformación dentro das organizacións sanitarias.

De cara a esta cita, a Deputación de Ourense confirmou a súa colaboración coa organización do congreso para dar a coñecer os recursos turísticos da provincia, con especial atención ao itinerario da Vía da Prata, cuxa promoción adquire un significado engadido ao coincidir coa celebración do Ano Xacobeo.

Este compromiso de colaboración foi trasladado ao presidente da institución provincial, Luis Menor, durante unha reunión mantida no Pazo Provincial coa presidenta das xornadas, María Jesús Pérez, e varios membros do comité organizador local do congreso.

0.16222095489502