Avante Ourense acode á Xunta, á Deputación e ao Estado por considerar “inútil e neglixente” a xestión ambiental de Jácome

Avante Ourense deu un paso máis na súa reclamación dunha política ambiental para a cidade e trasladou peticións por escrito a tres administracións distintas: a Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense e o Ministerio para a Transición Ecolóxica. O obxectivo é conseguir que estes organismos aporten medios técnicos e financiamento para avanzar na renaturalización do municipio, algo que, segundo o partido, o goberno local non está a impulsar coa seriedade necesaria.
Entre as medidas que propoñen figura a elaboración dun diagnóstico que analice canta superficie da cidade está cuberta por arborado e canta poboación ten preto unha zona verde, tomando como referencia o chamado criterio 3-30-300. Tamén propoñen melloras en espazos xa existentes, como o Xardín do Posío ou o parque de San Lázaro, e piden valorar se algunhas zonas hoxe pavimentadas poderían transformarse en espazos con vexetación. A isto súmase unha reclamación específica sobre as ribeiras do Miño e do Barbaña, cuxa recuperación ambiental consideran pendente.
Un dos puntos centrais da crítica de Avante Ourense é a falta de información pública sobre a planificación ambiental do Concello. O partido asegura que, a día de hoxe, non existe un documento que indique con claridade que zonas da cidade teñen déficit de arborado, onde son máis necesarios os espazos verdes nin que proxectos están previstos para combater a calor nas rúas. Para a formación, intervencións como a reforma de prazas ou o cambio de pavimentos non abondan por si soas se non van acompañadas dunha avaliación do seu impacto ambiental real.
O coordinador de Avante Ourense, Francisco Diéguez, vinculou esta falta de planificación coa longa permanencia de Jácome á fronte do Concello, sinalando que ese tempo de goberno leva consigo unha responsabilidade directa sobre o futuro ambiental da cidade. Nas súas palabras, “ante a inutilidade e a neglixencia de Jácome á hora de abordar unha política ambiental seria, non imos quedar de brazos cruzados”. Diéguez defende que fan falta datos abertos á cidadanía, prioridades ben definidas e partidas orzamentarias que se noten en máis sombra, máis biodiversidade e mellores espazos para a veciñanza.
A formación pide, ademais, que calquera actuación en parques e espazos públicos se deseñe con criterios técnicos e contando coa opinión veciñal, evitando que a creación de zonas verdes supoña eliminar pistas deportivas ou outros usos sociais sen antes propor unha alternativa. En paralelo, reclaman un mellor mantemento dos parques xa existentes e un estudo sobre que superficies pavimentadas poderían reconverterse parcialmente.
Diéguez amosou o seu malestar por ter que dirixirse a outras administracións para plantexar algo que, ao seu xuízo, debería formar parte da xestión básica do Concello, como é preparar a cidade fronte ás altas temperaturas. “Se o goberno municipal non é quen de impulsar unha planificación rigorosa, acudiremos ás administracións autonómica, provincial e estatal para reclamar colaboración e recursos”, explicou, avanzando que pedirá á Xunta, á Deputación e ao Estado que detallen que apoio e que liñas de financiamento poderían poñer a disposición do Concello.
Como resumo da súa proposta, Avante Ourense pide que se establezan obxectivos que poidan medirse, un calendario con prazos concretos e orzamento suficiente para reducir as superficies de cemento, gañar sombra nas rúas e avanzar cara a unha cidade mellor adaptada á calor. Diéguez pecha a súa intervención afirmando que “Ourense merece unha política ambiental con resultados, non máis abandono nin improvisación”