Avante Ourense advirte de que a campaña electoral está a contaminar o debate no Pleno municipal

OurenseXa
A formación alerta de que a confrontación e os cálculos electorais gañan cada vez máis espazo no Concello, mentres os problemas reais da cidade seguen sen resolverse
Pleno_Ourense
Imaxe de arquivo
16 Sep 2026

Avante Ourense fixo pública unha declaración na que sitúa o acontecido este martes no Pleno do Concello de Ourense —a expulsión do portavoz do BNG, Luís Seara, da sesión plenaria— como un novo capítulo dentro dun clima de confrontación política que, segundo a formación, non deixa de intensificarse no Concello.

A organización sostén que este episodio se produce nun contexto marcado xa pola precampaña das eleccións municipais de 2027, un período no que, ao seu xuízo, o ton da confrontación política sobe e os cálculos electorais comezan a ocupar un espazo cada vez maior na vida municipal, en detrimento da atención aos problemas reais da cidade.

Desde Avante Ourense insístese en que a cuestión non se limita ao sucedido na última sesión plenaria. A formación sinala que o Concello arrastra desde hai anos unha dinámica marcada polos enfrontamentos, as polémicas constantes e a dificultade para acadar acordos entre as distintas forzas políticas. Ante a proximidade dos comicios, consideran que esa tensión tende a agravarse, co risco de que cada Pleno se converta nun novo episodio da precampaña electoral, en lugar dun espazo de traballo institucional.

A formación pide que os próximos meses, ata a celebración das eleccións, non se convertan nunha carreira por acaparar a atención mediática ou xerar o titular máis rechamante. Na súa opinión, a cidadanía de Ourense merece que o debate político se centre en proxectos, propostas e solucións concretas para a cidade, e non en protagonizar continuos enfrontamentos.

Avante Ourense defende que a cidadanía ten dereito a unha política municipal na que as diferenzas entre formacións se resolvan mediante argumentos e propostas, e reclama que o Pleno recupere a súa función orixinal como espazo de debate sobre os asuntos que afectan á cidade, afastándose de converterse en escenario permanente da campaña electoral.

O portavoz da formación, Francisco Diéguez, fixo un chamamento ao resto de partidos con representación municipal —PP, PSOE, BNG e Democracia Ourensana— para que, nos oito meses que restan ata as eleccións de maio de 2027, non perdan de vista que aínda queda moita cidade por gobernar e moito labor de oposición por desenvolver. Segundo Diéguez, Ourense non necesita máis espectáculo político, senón solucións aos seus problemas.

0.15778994560242