Avante Ourense cualifica de "vergoñentos" os resultados de PISA e pide unha revisión profunda do sistema educativo

OurenseXa
A organización alerta dun retroceso preocupante malia contar con máis medios ca nunca e pide reforzar a comprensión lectora, o razoamento e o pensamento crítico do alumnado
alumnos-estudantes-instituto-educacion
9 Sep 2026

Avante Ourense mostrou a súa preocupación polos últimos resultados do informe PISA, que cualifica de "vergoñentos" tendo en conta que, segundo defende a formación, nunca antes se contara con tantos recursos educativos e tecnolóxicos coma na actualidade. Para a organización, resulta difícil de entender que, en pleno século XXI, se estea a producir un retroceso desta magnitude no rendemento do alumnado.

O coordinador de Avante Ourense e mestre de Educación Primaria, Francisco Diéguez, sinalou que converter estes resultados nun motivo de enfrontamento entre partidos sería un erro. Ao seu xuízo, a responsabilidade da situación debe repartirse entre o Goberno central e as comunidades autónomas, xa que estas últimas contan con amplas competencias en materia educativa. Diéguez insistiu en que ningunha administración pode desentenderse do problema cargando toda a responsabilidade sobre a outra, mentres as dificultades persisten dentro das aulas.

Desde a formación apúntase a unha serie de problemas que, segundo explican, se repiten en boa parte do sistema educativo. Entre eles, destacan a perda progresiva de autoridade do profesorado, a inxerencia dalgunhas familias en cuestións que consideran estritamente pedagóxicas, o cuestionamento habitual do criterio profesional dos docentes, e un modelo que, na súa opinión, en moitas ocasións prioriza que o alumnado aprobe, promocione e obteña titulacións por riba de garantir unha aprendizaxe real e efectiva.

Diéguez quixo aclarar que, na súa visión, non se debe confundir unha educación inclusiva cunha baixada do nivel de esixencia. Segundo explica, ofrecer ao alumnado os recursos necesarios para aprender é compatible con transmitirlle valores como o esforzo, a responsabilidade, o respecto e o cumprimento das normas, elementos que considera parte esencial da formación educativa.

Por todo iso, Avante Ourense pide tanto á Xunta de Galicia coma ao Goberno central que deixen de empregar a educación como arma arroxadiza entre formacións políticas e que aborden, no seu lugar, unha revisión seria e en profundidade do modelo educativo actual. Entre as medidas que propoñen figuran reforzar a autoridade pedagóxica do profesorado, reducir a carga burocrática, garantir recursos suficientes, recuperar unha cultura baseada no esforzo e prestar especial atención ao desenvolvemento da comprensión lectora, o razoamento matemático e o pensamento crítico do alumnado.

Diéguez concluíu advertindo de que dispoñer de máis medios ca nunca, mentres o alumnado mostra cada vez máis dificultades para comprender e razoar, debería levar a unha reflexión interna sobre o propio sistema, en lugar de buscar responsables fóra del.

0.1885290145874