Avante Ourense cuestiona a localización da futura piscina de Barrocás

Avante Ourense solicitou formalmente ao Concello información sobre os criterios utilizados para escoller a localización da nova área lúdica acuática de Barrocás, cuxas obras xa comezaron no contorno do parque Angelita Paradela.
A plataforma considera positiva a creación dunha nova piscina pública para o barrio, pero cuestiona que para construíla se optase por transformar parte dun espazo verde existente. Por este motivo, reclama saber se antes de tomar esta decisión se analizaron outras posibles localizacións dentro de Barrocás.
O portavoz de Avante Ourense, Francisco Diéguez, sinala que “Barrocás merece unha piscina, pero non entendemos que para construír novos equipamentos teñamos que sacrificar zonas verdes. Se existían outras localizacións posibles, o Concello ten que explicar por que decidiu ocupar este espazo e por que descartou as alternativas”. A formación, explica, solicitou información sobre os criterios técnicos, urbanísticos, económicos, ambientais e de accesibilidade que se tiveron en conta para seleccionar o emprazamento da instalación.
Ademais, Avante Ourense pide saber se se estudaron outras parcelas para acoller o proxecto, cales eran esas posibles localizacións e por que motivos foron descartadas, e solicita coñecer que superficie de zona verde se verá afectada polas obras.A plataforma considera especialmente relevante dispoñer destes datos antes de dar por feito que o espazo elixido polo Concello constituía a única opción dispoñible ou a alternativa máis adecuada para instalar a piscina.
Desde a organización explican que defenden un modelo de cidade no que a ampliación dos servizos públicos e a creación de novos espazos de lecer sexan compatibles coa conservación e o incremento das zonas verdes. Por iso, consideran especialmente importante avanzar nesta dirección ante a necesidade de contar cunha cidade máis habitable e mellor preparada para afrontar o aumento das temperaturas.