Avante Ourense denuncia que a abstención do PSOE facilitou a aprobación do orzamento municipal

OurenseXa
A formación acusa ao grupo socialista de permitir coa súa abstención a luz verde a unhas contas de 128,6 millóns de euros tras meses de críticas ao goberno local, e propón un debate interno sobre o seu futuro electoral
francisco-dieguez-coordinador-de-avante-ourense
2 Oct 2026

Avante Ourense denunciou que a abstención do PSOE no pleno extraordinario celebrado este xoves permitiu a aprobación definitiva do orzamento municipal de Ourense para 2026, dotado con 128,6 millóns de euros e presentado polo goberno local que encabeza Gonzalo Pérez Jácome.

Desde a formación consideran especialmente grave esta decisión porque, segundo explican, o PSOE mantivera durante meses unha actitude crítica coa xestión do goberno municipal, pero optou pola abstención no momento decisivo da votación, o que na práctica permitiu que as contas presentadas por Jácome saísen adiante.

O coordinador de Avante Ourense, Francisco Diéguez, foi moi duro nas súas declaracións sobre o ocorrido na sesión plenaria. "Este pleno é un circo, pero o que fixo hoxe o PSOE é xa un chiste de mal gusto. Non se pode estar meses criticando a Jácome e, cando chega o momento decisivo, mirar para outro lado e permitir que aprobe os seus orzamentos", afirmou.

A formación tamén cuestiona os argumentos empregados polo PSOE para xustificar o seu voto. Segundo relatan desde Avante Ourense, a portavoz socialista defendeu a abstención apelando á "responsabilidade coa cidade" durante o debate plenario. Porén, a organización rexeita que ese planteamento sexa coherente coa decisión adoptada, xa que entenden que, se realmente consideraban prexudicial o orzamento, o lóxico tería sido votar en contra en lugar de facilitar a súa aprobación abstendose.

Para Avante Ourense, o sucedido neste pleno pon de manifesto un problema político de fondo no Concello: a ausencia dunha oposición de esquerdas que, ao seu xuízo, actúe con firmeza fronte a determinadas decisións do goberno municipal. A formación insiste en que a cidade necesita unha alternativa política que non dependa de intereses partidistas nin de cuestións persoais, e advirte de que a falta dunha resposta clara por parte doutras forzas os obriga a reflexionar sobre o seu propio papel futuro.

Neste contexto, Diéguez anunciou que trasladará aos órganos internos e á militancia de Avante a conveniencia de valorar a súa posible presenza nas próximas eleccións municipais, unha decisión que se enmarcaría nun proceso de debate interno que a organización ten previsto impulsar nos próximos meses.

O coordinador subliñou que, de concretarse este paso cara á vía electoral, respondería á vontade de construír unha alternativa propia, de esquerdas e centrada nos problemas concretos da cidade. Con todo, insistiu en que non se trata dunha decisión persoal, senón dun proceso que deberá ser debatido e respaldado de forma colectiva pola organización.

0.24823117256165