Avante Ourense marca distancias coa nova coalición de esquerdas

O Consello de Coordinación de Avante Ourense reuniuse para fixar a súa posición tras a presentación pública dunha nova coalición integrada por Ourense Mellor, Movemento Sumar Galicia, Verdes-Equo e Recortes Cero. A formación quere deixar claro que non tomou parte nas conversas previas nin na configuración dese proxecto conxunto, polo que non se considera integrada na candidatura dada a coñecer esta semana.
Segundo explican dende a organización, estaba prevista unha reunión coincidindo co día da presentación da coalición, pero finalmente non chegou a celebrarse por motivos alleos á súa vontade. Ao non producirse ese encontro, tampouco houbo ningún acordo posterior que modificase a súa postura inicial.
Avante Ourense afirma que respecta as decisións tomadas polo resto de formacións políticas e que fará o propio con calquera proxecto que cada unha decida presentar á cidadanía, ao tempo que pide que se respecte igualmente a súa propia decisión de continuar cun camiño político independente.
A organización considerou necesario aclarar publicamente esta situación despois de que, durante a presentación da nova candidatura, os seus impulsores apuntasen que non descartaban sumar a título individual a persoas vinculadas con Avante Ourense.
O secretario de Organización da formación, Ruymán Núñez, sinalou que "neste momento non se dan as condicións necesarias para establecer ningún tipo de contacto" e engadiu que, de cara ao futuro, o considera pouco probable, xa que entenden os procesos de unidade como un traballo conxunto dende a súa orixe e non como unha simple adhesión a unha coalición xa formada.
Dende a organización insisten en que Avante Ourense non é unha bolsa de persoas dispoñibles para incorporarse de forma individual a proxectos ideados por outras formacións, senón un espazo político propio, nado en Ourense, con estrutura e funcionamento independentes, que continúa desenvolvendo de maneira colectiva a súa proposta para a cidade.
O coordinador da organización, Francisco Diéguez, remarcou que Avante Ourense conta con voz propia e cun proxecto de cidade que pretende seguir construíndo con máis persoas, subliñando que naceron para se manter no tempo e traballar por Ourense máis alá dun proceso electoral concreto, non para se integrar en iniciativas alleas. Nesa mesma liña, Diéguez defendeu "a liberdade de cada organización para construír o seu propio proxecto" e pediu o mesmo respecto para a decisión de Avante Ourense de continuar o seu camiño "con autonomía e pensando no mellor para Ourense".
O Consello de Coordinación acordou que calquera decisión sobre o futuro político da organización corresponderá exclusivamente aos seus propios órganos internos e ás persoas que forman parte do proxecto, sen que ofrecementos ou decisións externas poidan condicionar ese proceso.
Con este comunicado, Avante Ourense dá por pechado este asunto e sinala que centrará os seus esforzos no desenvolvemento do seu propio proxecto político e social para a cidade, evitando entrar en dinámicas de negociación ou confrontación con outras candidaturas. A formación asegura que seguirá traballando arredor da defensa dos servizos públicos, do dereito á vivenda, da igualdade, da transparencia e dunha política municipal centrada nos problemas reais da veciñanza.