Avante Ourense pide ao Concello analizar a creación dunha rede de carrís bici conectada na cidade

Avante Ourense presentará un escrito ante o Concello para solicitar a elaboración dun estudo técnico de viabilidade que determine como podería implantarse na cidade unha rede de carrís bici continua, segura e conectada.
A formación considera que a planificación debería permitir enlazar os diferentes barrios de Ourense con centros educativos, zonas comerciais e equipamentos públicos, evitando que as infraestruturas destinadas á bicicleta queden reducidas a tramos independentes sen conexión entre si.
A proposta pide que os servizos técnicos municipais analicen os posibles percorridos, as condicións de seguridade viaria, as características das diferentes rúas e o custo das actuacións. Avante Ourense tamén reclama que se estude a integración da futura rede tanto cos carrís e infraestruturas ciclistas xa existentes como coa Zona de Baixas Emisións (ZBE).
O estudo serviría, segundo a formación, para establecer prioridades e deseñar unha implantación progresiva en función das necesidades dos distintos barrios. A planificación debería ter en conta tamén a convivencia da bicicleta co transporte público e coa actividade comercial.
Avante Ourense considera igualmente necesario incorporar a participación da cidadanía e das entidades vinculadas á mobilidade sostible ao longo do proceso, co obxectivo de que as futuras actuacións respondan ás necesidades detectadas na cidade.
O responsable da formación, Francisco Diéguez, defende que o Concello debe abordar esta cuestión desde unha perspectiva global. “Non queremos carrís bici improvisados nin actuacións illadas. Queremos que o Concello estude seriamente como construír unha rede que permita desprazarse en bicicleta dunha punta a outra da cidade con seguridade”, sinala.
A formación reclama ademais que o Goberno municipal dea unha resposta expresa ao escrito presentado e informe sobre as medidas que decida adoptar. Diéguez conclúe que “Ourense non pode seguir dando as costas á mobilidade sostible. Pedimos ao Concello que faga o seu traballo: estudar, planificar e ofrecer alternativas reais. Queremos unha cidade máis segura, sostible e conectada”.