Avante Ourense pide ao Concello datos sobre o cumprimento da nova ordenanza contra o ruído

A plataforma Avante Ourense presentou unha solicitude formal ante o Concello de Ourense para coñecer o grao de aplicación real da nova Ordenanza municipal de protección contra a contaminación acústica, en vigor desde o pasado mes de xuño.
A organización pide acceso a información sobre o número de denuncias e avisos por ruído rexistrados, as intervencións realizadas pola Policía Local, as medicións acústicas efectuadas, os expedientes abertos e as sancións ou medidas correctoras aplicadas durante 2025 e 2026, diferenciando entre o actuado antes e despois da entrada en vigor da nova normativa.
O colectivo sinala como especialmente preocupante que as queixas por ruído nocturno sigan xerando tensións veciñais, e cita como exemplo as denuncias reiteradas de residentes da zona de Valle-Inclán en relación coa discoteca Desörden, un caso que derivou en actuacións tanto policiais como administrativas e que chegou aos tribunais.
Desde Avante Ourense sosteñen que o ocio nocturno non debe desenvolverse a costa do descanso de quen vive nas zonas afectadas, e piden controis e inspeccións suficientes durante as horas de madrugada.
O seu portavoz, Francisco Diéguez, declarou: "É inadmisible que os veciños teñan que soportar durante meses problemas de ruído e chegar aos tribunais para defender algo tan básico como o seu dereito a durmir. Se hai unha ordenanza, o Concello ten que facela cumprir e actuar con firmeza cando se acrediten incumprimentos".
A plataforma anuncia que analizará os datos que lle facilite o Concello para comprobar se a nova ordenanza está tendo unha aplicación efectiva ou se, pola contra, quedou en papel mollado.
Diéguez conclúe: "Ourense necesita menos ordenanzas para a foto e máis actuacións na rúa. A veciñanza ten dereito a descansar e o Concello ten a obriga de garantilo".