Avante Ourense propón un pacto político polos dereitos laborais e pide ás forzas de esquerda que se impliquen

OurenseXa
A formación reclama ás forzas políticas da cidade compromisos concretos e verificables para reforzar a protección das persoas traballadoras e o control da contratación pública
Francisco Diéguez coordinador Avante Ourense
15 Oct 2026

A formación Avante Ourense deu a coñecer unha proposta para acadar un pacto entre as distintas forzas políticas da cidade centrado na defensa dos dereitos laborais, a transparencia e o control da contratación pública.

Segundo explica a organización, a iniciativa xorde despois de recibir o testemuño dun antigo traballador da empresa KuBOX Modular. Avante Ourense trasladou esa información ás administracións competentes para que comprobasen os feitos, e asegura que a xefatura da Inspección de Traballo de Ourense lles comunicou a apertura de dilixencias inspectoras. A formación insiste en que non realiza ningún tipo de acusación nin xuízo sobre o caso, e que corresponde ás autoridades determinar se existiron irregularidades.

A raíz desta situación, Avante Ourense diríxese ao PSOE, ao BNG, á coalición integrada por Ourense Mellor, Sumar e o resto de formacións que a compoñen, así como aos demais partidos con presenza en Ourense, para preguntarlles se están dispostos a deixar de lado as diferenzas partidarias e subscribir un acordo conxunto en defensa dos dereitos dos traballadores.

O pacto que propón a organización contemplaría medidas de protección laboral, un maior control do cumprimento da normativa por parte das empresas contratistas e unha maior cooperación entre as distintas administracións con competencias na materia.

O voceiro da formación, Francisco Diéguez, sinalou que "a defensa dos traballadores non pode quedar en palabras" e engadiu que, se existe un compromiso real con esa causa, "hai que demostralo á cidadanía con medidas concretas". Diéguez remarcou que Avante Ourense está disposto a reunirse con todas as formacións políticas, sen esixir que compartan as súas siglas, senón que se comprometan cos dereitos laborais, e afirmou que agora queren saber que partidos están dispostos a dar ese paso.

Desde a organización insisten en que a súa proposta queda aberta ao diálogo con calquera forza política que queira sumarse, e piden compromisos que se poidan comprobar, máis alá das declaracións públicas.

0.19115805625916