Avante Ourense reclama ás administracións información sobre a situación económica do Concello

OurenseXa
A plataforma cidadá presentou escritos ante o Concello, a Xunta, o Ministerio de Facenda e o Consello de Contas para coñecer a execución orzamentaria, os pagamentos pendentes e o estado do Plan Económico-Financeiro
Concello de Ourense
15 Aug 2026

Avante Ourense vén de trasladar á Xunta de Galicia, ao Ministerio de Facenda e ao Consello de Contas, ademais do propio Concello de Ourense, a súa preocupación pola situación económico-financeira municipal. A plataforma cidadá presentou varios escritos para solicitar información sobre as contas locais e coñecer as actuacións que están a desenvolver as diferentes administracións con competencias nesta materia.

A iniciativa prodúcese despois dos problemas rexistrados nos últimos meses en relación coas contas e os pagamentos municipais, que chegaron a afectar a persoal de servizos como o transporte urbano ou o guindastre. Avante tamén pon o foco nos incumprimentos das regras fiscais e na necesidade de elaborar un Plan Económico-Financeiro derivado da liquidación do exercicio 2025.

Entre a información que reclama figuran os datos sobre a execución real dos orzamentos, as obrigas pendentes de pagamento e as modificacións orzamentarias, así como a situación na que se atopa o Plan Económico-Financeiro e os posibles incumprimentos ou requirimentos existentes.

A plataforma trasladou tamén a situación ao Consello de Contas, organismo que ten prevista unha fiscalización selectiva do Concello de Ourense. Avante pretende coñecer así as actuacións que están levando a cabo as distintas administracións e contrastar posteriormente as respostas recibidas.

O portavoz de Avante Ourense, Francisco Diéguez, cuestiona a falta de información pública sobre as contas municipais e a actuación dos grupos da oposición. “É triste e vergonzoso que teña que ser unha plataforma cidadá, e non o propio goberno municipal nin unha oposición que leva anos sentada no Concello, quen teña que acudir ás administracións para intentar coñecer e explicar aos ourensáns a situación real das súas contas. Se eles non abren as contas do Concello, farémolo nós”, sinala.

Desde a plataforma consideran que os problemas económicos dos últimos meses deberían ter provocado unha resposta máis contundente por parte dos grupos municipais. Avante critica que a oposición centre as súas denuncias en episodios concretos sen ofrecer, ao seu xuízo, unha visión completa da situación económica do Concello nin exercer un control suficiente sobre a xestión de Jácome.

Avante Ourense defende que a cidadanía ten dereito a coñecer os ingresos e gastos municipais, o destino dos recursos públicos, as obrigas que permanecen pendentes de pagamento e as posibles consecuencias que a situación financeira poida ter sobre os servizos e os investimentos da cidade.

A plataforma anunciou que analizará e contrastará as respostas que reciba das diferentes administracións e que posteriormente fará públicos os resultados, co obxectivo de facilitar á cidadanía información sobre a situación económica municipal. “Ourense merece coñecer a situación real das súas contas antes de falar dos próximos orzamentos”, conclúe Diéguez.

0.13407492637634