Avante Ourense reclama un estudo sobre a remunicipalización da axuda a domicilio na cidade

OurenseXa
A formación solicita ao Concello un informe técnico, económico e xurídico que compare a xestión actual do servizo cunha posible xestión pública directa
saf-manos-maiores-axuda
18 Sep 2026

Avante Ourense presentou no Concello un escrito no que pide información detallada sobre o funcionamento actual do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e reclama a elaboración dun estudo técnico, económico e xurídico que valore a posibilidade de recuperar a xestión directa deste servizo por parte da administración local.

A formación xa incorporara esta proposta ao seu programa Ourense Merece Máis, no apartado dedicado a servizos sociais, e agora traslada a iniciativa de forma formal, pedindo que o goberno municipal poña enriba da mesa os datos necesarios para valorar o cambio de modelo.

O coordinador da formación, Francisco Diéguez, defendeu que a xestión pública do servizo permitiría que os recursos destinados aos coidados se dirixan integramente á atención das persoas usuarias e a mellorar as condicións das traballadoras, en lugar de xerar beneficio empresarial. Segundo sinalou, o SAF é un servizo esencial e consideran que o Concello debería estudar con seriedade a súa recuperación para a xestión directa.

No documento presentado, Avante Ourense pide coñecer varios datos sobre a situación actual do servizo: o número de persoas usuarias, as que están en lista de espera, as horas de atención concedidas e as que realmente se prestan, o persoal asignado, o custo que asume o Concello tanto de forma global como por hora de servizo, o financiamento procedente doutras administracións, as reclamacións recibidas e a situación contractual vixente.

Ademais, a formación solicita que os servizos municipais elaboren unha análise comparativa entre o modelo actual e unha eventual xestión directa, tendo en conta aspectos como os custos económicos, as necesidades de persoal, as condicións laborais do equipo e a calidade da atención prestada. Avante pide que, unha vez realizado, este estudo se faga público.

O partido subliña que calquera proceso de remunicipalización debería levarse a cabo cunha planificación axeitada e con garantías, de xeito que quede asegurada en todo momento a continuidade e a calidade do servizo para as persoas que o reciben.

Diéguez insistiu en que non se trata de pedir unha decisión sen fundamento, senón de que o Concello realice os cálculos correspondentes. Explicou que, se se comparan ambos os modelos con transparencia, confían en que os datos respalden que un servizo esencial como o SAF pode funcionar mellor baixo xestión pública.

0.15724587440491