Avanza na fase final a ampliación do polideportivo municipal de Barbadás coa colocación de muros e cúpula

A ampliación do polideportivo municipal de Barbadás, unha das actuacións prioritarias do goberno local durante este 2026, entrou na súa recta final. Nos últimos días, os operarios comezaron a levantar os muros e a cúpula da nova planta, situada sobre a antiga cuberta do edificio, que albergará unha sala de musculación, unha sala de actividades, vestiarios e unha zona exterior.
O alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, destacou que se tratará dun "espazo totalmente equipado que suporá un salto de calidade importante para os numerosos usuarios e usuarias do polideportivo".
O proxecto conta cun orzamento total de 1,2 millóns de euros, financiado en colaboración coa Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense. Antes desta fase, xa se completou unha primeira etapa centrada na remodelación do interior do edificio e na mellora da súa accesibilidade, que incluíu a instalación dun ascensor interior para conectar as distintas alturas do inmoble.
O rexedor subliñou a relevancia desta intervención para o municipio: "Estamos falando dun espazo con moitísima actividade, con máis dun milleiro de usuarios e usuarias, no que adestran e compiten as escolas deportivas municipais, equipos de distintas disciplinas... Ampliar e mellorar estas instalacións era unha prioridade".
A obra permitirá, segundo as previsións municipais, duplicar o número actual de usuarios do polideportivo, grazas ao aumento tanto do espazo destinado á musculación como do dedicado ás clases dirixidas, que actualmente rexistran unha elevada demanda. Neste sentido, o centro deportivo ofrece na actualidade un total de dez disciplinas distintas —entre elas ioga, GAP, aerobic latino, total fitness, HIIT, body tono, power step, glúteo xtreme e pilates—, con modalidades de iniciación, perfeccionamento e clases específicas para embarazadas, repartidas ao longo de toda a semana.
Unha vez rematada a colocación dos muros e a cúpula, a seguinte etapa das obras consistirá no pechamento exterior e no illamento do novo espazo, para continuar despois coa instalación eléctrica e de fontanería. Segundo o calendario previsto, os traballos deberán estar rematados o próximo 15 de novembro.