Avión entra na recta final para reunir as fotografías do seu calendario municipal 2027

O Concello de Avión afronta os últimos días da convocatoria coa que busca imaxes do municipio para elaborar o seu calendario municipal de 2027. Quen aínda non enviase as súas fotografías ten de prazo ata o vindeiro 31 de outubro para facelo.
A iniciativa, que o Concello puxo en marcha a finais de setembro, convida a todos os veciños e veciñas que o desexen a compartir as súas mellores imaxes do territorio, coa intención de que o calendario continúe sendo, como en edicións anteriores, un reflexo fiel de Avión: das súas paisaxes, do seu patrimonio, das súas tradicións e da súa xente.
As fotografías deben cumprir unha serie de requisitos técnicos: presentarse en formato horizontal, contar cunha calidade mínima de 3 megapíxeles e indicar o lugar exacto no que foron captadas.
O envío das candidaturas debe realizarse a través do correo electrónico cultura@concellodeavion.org, única vía habilitada para participar na convocatoria.
Coas imaxes recibidas, o Concello seleccionará as que finalmente formarán parte do Calendario Municipal 2027 de Avión.