Baños de Molgas creará un listado oficial de vivendas en venda para facilitar a repoboación do municipio

OurenseXa
Con esta medida, o Concello busca favorecer a chegada de novos veciños ao municipio, facilitando o acceso á vivenda
casa-do-concello-de-baños-de-molgas
26 Apr 2026

O Concello de Baños de Molgas puxo en marcha unha iniciativa coa que pretende dinamizar o mercado inmobiliario local e favorecer a chegada de novos veciños e veciñas ao municipio.

O proxecto consistirá na creación dun listado oficial de vivendas en venda, que será empregado para dar a coñecer estas propiedades a persoas interesadas en instalarse no rural, a familias que buscan vivenda ou a proxectos vinculados ao programa “Baños de Molgas Vive”.

Desde o Concello explican que non é necesario realizar trámites complexos para incluír os inmobles nesta base de datos. As persoas propietarias só terán que achegar información básica e o propio Concello encargarase da súa difusión.

Para participar, solicítase facilitar un número de contacto, o tipo de propiedade e, se é posible, fotografías do inmoble. Tamén se pode realizar o proceso de forma presencial nas dependencias municipais.

Con esta medida, o Concello enmarca a iniciativa dentro das accións que xa está a desenvolver para atraer poboación ao municipio, destacando a necesidade de contar con vivendas dispoñibles para facilitar a chegada de novos residentes.

0.12098908424377