Baños de Molgas impulsa tres proxectos clave para o municipio

OurenseXa
O Concello dá un novo paso en actuacións estratéxicas tras aprobar os proxectos de infraestrutura e mellora urbana da nova nave municipal, a humanización da rúa Manuel Santamaría e o Mirador dos Milagros
casa-do-concello-de-baños-de-molgas
30 Jun 2026

O Concello de Baños de Molgas vén de dar a coñecer a aprobación de varios proxectos considerados estratéxicos para o municipio, tras meses e mesmo anos de traballo, xestión e planificación.

Segundo informa o goberno local, a semana pasada foron aprobados os proxectos para a construción dunha nova nave municipal, a humanización e mellora dos servizos da rúa Manuel Santamaría e o impulso do novo Mirador dos Milagros.

A nova nave municipal é unha infraestrutura cualificada como moi demandada e que permitirá centralizar servizos municipais, mellorando a organización interna e a xestión de recursos do Concello.

No caso da rúa Manuel Santamaría, o proxecto contempla unha actuación de humanización que busca mellorar os servizos e a calidade urbana desta vía, considerada unha das principais da vila. As obras permitirán incrementar a accesibilidade, a seguridade e a calidade do espazo público.

En canto ao Mirador dos Milagros, o Concello deu conta da sinatura do convenio que permitirá impulsar este espazo emblemático, co obxectivo de poñelo en valor como punto de interese e referencia paisaxística do municipio.

Desde o goberno municipal destacan que estas actuacións forman parte dunha estratexia de mellora continua das infraestruturas e dos espazos públicos, orientada a reforzar os servizos municipais e a calidade de vida da veciñanza.

0.12464499473572