Baños de Molgas mellora o acceso ao municipio

O Concello de Baños de Molgas vén de completar esta semana un conxunto de actuacións de mellora nun dos principais accesos ao municipio, unha intervención que contou con financiamento da Deputación Provincial e con fondos propios municipais.
Os traballos executados centráronse na mellora das condicións de circulación e seguridade desta vía, especialmente en puntos considerados máis estreitos ou comprometidos. Entre as actuacións realizadas inclúese a creación de sobreanchos de formigón, a renovación dos badéns mediante aglomerado asfáltico, así como tarefas de bacheo e regularización do firme.
Ademais, levouse a cabo a renovación da sinalización horizontal, co obxectivo de mellorar a visibilidade e a ordenación do tráfico na zona.
Desde o Concello destacan que estas intervencións contribúen a optimizar a seguridade viaria e a comodidade da circulación, mellorando o estado xeral dunha das estradas máis empregadas tanto pola veciñanza como polas persoas visitantes.