Baños de Molgas retoma os obradoiros de memoria con sesións semanais ata decembro

O Concello de Baños de Molgas anunciou o regreso dos obradoiros de memoria, unha iniciativa pensada para activar a mente, aprender e compartir un anaco de lecer en compañía, coa particularidade de que está dirixida a veciños de calquera idade.
O programa comezará o 13 de outubro e desenvolverase os martes e os xoves en distintos puntos do municipio, con dúas sesións cada día de actividade.
Os martes, as citas terán lugar en Almoite ás 15.00 horas, en Molgas ás 16.15 horas, en San Martiño ás 17.45 horas e en San Pedro ás 19.00 horas. Os xoves, a quenda será para Poedo ás 15.00 horas, Meamán ás 16.30 horas, Froufe ás 17.45 horas e Xocín ás 19.00 horas.
En canto ao calendario, os obradoiros prolongaranse ata decembro. En outubro terán lugar os días 13, 15, 20, 22, 27 e 29; en novembro, os días 3, 5, 10, 12, 17, 19, 24 e 26; e en decembro, os días 1 e 3.
Dende a organización animan aos veciños a sumarse a esta proposta, lembrando que "sempre é un bo momento para poñer a memoria a traballar". Para participar é necesario inscribirse previamente, xa sexa de forma presencial nas dependencias do Concello, xa sexa a través do teléfono 988 43 00 00, co fin de facilitar a organización dos grupos.