Barbadás aproba cubir a praza de pediatría e que se abaraten os produtos menstruais

OurenseXa
Barbadás insta á Xunta de Galicia a que comprometa nos próximos Orzamentos a creación dunha partida específica destinada á redución do coste ou gratuidade dos produtos sanitarios femininos
pleno_concello_barbadas
Pleno do Concello de Barbadás
9 abr 2024

A Corporación de Barbadás celebrou onte á tarde un pleno ordinario no que se aprobaron as dúas mocións presentadas polo goberno de Barbadás, ambas relacionadas coa sanidade. A primeira proposta, que apoiaron todos os grupos a excepción do PP que se abstivo, reclama ao Sergas que se cubran as prazas vacantes nos servizos de saúde públicos do concello. O grupo municipal socialista e o de Democracia Ourensana solicitan así a dotación dos pediatras necesarios para a atender á poboación do municipio, con 1.400 nenos e nenas aos que se presta atención no centro de saúde.

Na mesma moción, á que se engadiu unha enmenda do BNG para que se reinstaure o pediatra en quenda de tarde de novo no centro de saúde, o grupo de goberno demanda a cobertura da vacante existente de médico na Residencia da terceira idade Nosa Señora dos Milagres, para evitar que os internos teñan que facer uso do centro de saúde da Valenzá, rebaixando a presión asistencial dos facultativos do mesmo. O executivo local reclama a través desta moción a mellora dos servizos públicos do concello e que a atención que se presta se adecúe ao aumento de poboación, constante nos últimos anos.

A segunda moción presentada polo grupo de goberno que saíu adiante na sesión plenaria, co voto en contra do PP, solicita medidas contra a pobreza menstrual. Na proposta ínstase á Xunta de Galicia a que comprometa nos próximos Orzamentos a creación dunha partida específica destinada á redución do coste ou gratuidade dos produtos sanitarios femininos. Tamén se solicita a colocación de dispensadores gratuítos destes produtos de hixiene en edificios públicos, especialmente en centros educativos e de saúde.

Tamén na sesión plenaria saíu adiante, cos votos a favor do grupo de goberno e as abstencións do PP, BNG e o concelleiro do Partido Galego, a aprobación provisional da derrogación da ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación dos servizos da piscina. A taxa actual no cumpre co principio de equivalencia, na medida en que a cobertura do custe do servizo é insuficiente, en torno ao 35%. Por iso é necesario adaptala á normativa actual, xa que en determinados aspectos substanciais da mesma non compren coa legalidade.

A moción do BNG para modificar a ordenanza de convivencia cidadá respecto ás miccións de animais e o uso de sprai desinfectante foi aprobada por unanimidade tras incluír unha enmenda defendida por Victoria Morenza para a modificación tamén da ordenanza de animais domésticos, que data o 2016. Tamén se aprobou levar a cabo campañas de concienciación para a limpeza das miccións e incrementar o baldeo das rúas.

A segunda moción del BNG, relativa ás propostas da CIG dentro da campaña “Stop precariedade, emprego digno”, foi rexeitada ao contar so cos votos do partido nacionalista.

O pleno  aprobou a moción do PP con relación ao orzamento do 2024 despois de que o alcalde anunciase se se vai a debater en breve nunha próxima sesión plenaria e rexeitou a relativa ao parque empresarial de Bentraces.