Barbadás celebra esta tarde o Día da Bici con actividades no CEIP Filomena Dato

Barbadás acolle esta tarde unha nova edición do Día da Bici, unha xornada dedicada á promoción do uso da bicicleta que incluirá actividades lúdicas e unha exhibición deportiva.
O programa desenvolverase entre as 19:00 e as 20:00 horas no patio do CEIP Filomena Dato, onde se organizarán xogos e unha xincana dirixida ás persoas participantes.
Ademais, a xornada contará coa exhibición de Mateo Rial, deportista que representa ao municipio no Campionato do Mundo de pumptrack, unha disciplina ciclista na que os corredores completan circuítos de obstáculos sen necesidade de pedalear, aproveitando o impulso e a técnica.
A actividade forma parte das iniciativas municipais para fomentar hábitos de vida saudables e o uso da bicicleta entre a poboación.