Barbadás chama aos seus veciños a fomentar a reciclaxe

OurenseXa
O alcalde lembra que “canto maior é a reciclaxe, menor é o gasto para o Concello e menor é o recibo do lixo”
contedores-taxa-recollida-de-lixo-guitiirz
15 Apr 2026

O Concello de Barbadás fixo un chamamento á veciñanza para incrementar os niveis de reciclaxe no municipio, actualmente por debaixo da media galega. O alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, e o tenente de alcalde, Daniel Rey, insistiron na necesidade de reforzar a concienciación ambiental e de facer un uso axeitado dos contedores segundo o tipo de residuo.

“Canto maior é a reciclaxe, menor é o gasto para o Concello e menor é o recibo do lixo”, subliñou o rexedor durante o pleno ordinario celebrado este mes de abril. Na sesión plenaria aprobouse por unanimidade a adhesión do municipio ao convenio marco entre a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta e os sistemas de responsabilidade ampliada de residuos de envases domésticos. Segundo explicou o tenente de alcalde, trátase dun acordo impulsado con Ecoembes no que participan os concellos galegos e as deputacións.

Durante a súa intervención, Daniel Rey puxo o foco nos baixos niveis de reciclaxe do municipio, especialmente en comparación co conxunto de Galicia. “Actualmente, estanse a recoller 13,5 kg de envases lixeiros por habitante, un 15% que a media galega, e 9 kg de papel e cartón por habitante, un 50% menos que os datos a nivel galego”, indicou, amosando a súa preocupación polos datos.

O alcalde advertiu de que estas cifras teñen un impacto directo nos custos municipais e, en consecuencia, no peto da cidadanía. “A Xunta de Galicia cóbranos en función da tonelaxe que levamos a Sogama, se a reducimos ou incrementamos, custará máis ou menos. Se hai máis tonelaxe, non reduciremos o que destinamos á reciclaxe e non reduciremos o importe do lixo”, explicou.

Co obxectivo de mellorar a situación, o goberno local anunciou a posta en marcha de novas campañas de sensibilización nas próximas semanas, así como a instalación de autocolantes informativos nos contedores para facilitar unha correcta separación dos residuos e a xestión dos de maior tamaño.

0.11622881889343