Barbadás convoca dous concursos para celebrar o Entroido de 2025
O Concello de Barbadás convida a veciños, veciñas e colectivos a participar en dúas iniciativas culturais para o Entroido 2025: o Concurso do Cartel de Entroido e o Concurso de Mecos. Ambas convocatorias teñen como obxectivo promover a participación cidadá e conservar o espírito festivo e tradicional desta data tan emblemática.
O Concurso do Cartel de Entroido de Barbadás 2025 seleccionará o deseño que representará a festividade este ano. A creatividade e a orixinalidade serán os principais criterios de valoración. O prazo para a presentación de propostas estará aberto desde o 29 de xaneiro ata o 7 de febreiro, incluídos ambos días. As propostas deberán entregarse de forma presencial nas oficinas municipais situadas na Rúa Cimadevila, 1 (Barbadás) ou na Rúa do Viso, 2 (A Valenzá). No caso de envíos por Correos ou mensaxería, as entregas só se admitirán ata as 14:00 horas do 7 de febreiro. O cartel seleccionado será premiado coa súa edición oficial e unha dotación económica de 500 euros.
Por outra banda, o Concurso de Mecos de Entroido busca destacar unha das expresións máis tradicionais destas festas: os mecos, figuras creadas polos veciños e veciñas como símbolo do Entroido. Poderán participar tanto persoas individuais como grupos pertencentes a asociacións culturais, veciñais ou outros colectivos. O prazo de inscrición estará aberto desde o 29 de xaneiro ata o 14 de febreiro ás 12:00 horas, a través dun formulario en liña dispoñible na web oficial do Concello (www.barbadas.es). Para este certame estableceranse tres premios en metálico: 300 euros para o primeiro posto, 200 euros para o segundo e 100 euros para o terceiro.
Dende o Concello de Barbadás anímase á veciñanza a participar nestas iniciativas, que buscan encher de cor, tradición e identidade cultural o Entroido 2025. Para máis información, as bases completas poden consultarse na páxina web oficial ou nas oficinas municipais.