Barbadás declara o 2025 "Ano Carmen Martín Gaite"

OurenseXa
A moción, de PSdeG e DO e aprobada polo resto de grupos salvo o BNG, prevé actos que destaquen o vínculo da autora con San Lourenzo de Piñor
Pleno do concello de Barbadás
14 Jan 2025

O Concello de Barbadás aprobou unha moción presentada polo grupo municipal do PSdG e o concelleiro de Democracia Ourensana para declarar o ano 2025 como o “Ano de Carmen Martín Gaite”. Esta iniciativa coincide co centenario do nacemento da escritora, unha das figuras máis destacadas da literatura española contemporánea, estreitamente vinculada a San Lourenzo de Piñor. A declaración saiu adiante co voto favorable de todos os grupos salvo o BNG, que se abstivo.

A familia materna de Carmen Martín Gaite é orixinaria de San Lourenzo de Piñor, lugar onde a escritora pasou numerosos veráns, experiencias que influíron profundamente na súa obra narrativa. Tres das súas novelas máis recoñecidas, como "Las ataduras", sitúan a acción en Piñor, converténdoo nun espazo literario de referencia. Desde 2008, o traballo do profesor David G. Couso destacou a importancia de Piñor na obra de Martín Gaite, coa colaboración do Concello de Barbadás para promover este legado. Ademais, leváronse a cabo roteiros literarios, incluídos recentemente na formación do profesorado da Consellería de Educación.

Con motivo desta conmemoración, o Concello de Barbadás planificará diversas actividades culturais. Entre elas, destacan a sinalización e publicación de materiais didácticos sobre a relación de Carmen Martín Gaite con Piñor e a colaboración coa UNED para organizar xornadas divulgativas sobre a autora e a súa xeración literaria. Ademais, prevése a grabación dunha película sobre o conto de Martín Gaite "Las ataduras", retomando o proxecto iniciado en 1978 polo director Emilio Pérez Calvillo, amigo persoal da escritora.
Carmen Martín Gaite foi unha escritora multipremiada, galardoada co Premio Nadal en 1958, o Premio Nacional de Literatura en 1978 e o Príncipe de Asturias en 1988. Ademais, foi pioneira nos estudos feministas nos Estados Unidos, onde se comezou a analizar a súa obra desde unha nova perspectiva.

A declaración do 2025 como "Ano de Carmen Martín Gaite" supón unha oportunidade única para promover o valor cultural e turístico do seu legado en Barbadás. Esta iniciativa busca reforzar a conexión entre a escritora e o concello, consolidando Piñor como un espazo literario de referencia.

A proposta do PP, mediante unha enmenda engadida á moción, tamén se aprobou estudar futuros recoñecementos a persoas nadas ou vinculadas con Barbadás.

Debate sobre diferentes obras

O Partido Popular presentou unha moción para solicitar a substitución do solo do Centro Social de Sobrado instando ao grupo de goberno a solicitar unha subvención á Deputación por importe de 30.000 euros para ese arranxo. Esta moción foi aprobada pola unanimidade do pleno.
No mesmo censo, o BNG presentou unha moción a prol dunha reforma integral da antiga escola de Sobrado. Como a moción do PP, esta foi aprobada por unanimidade.
O PP tamén levou a pleno unha moción pendindo executar sete obras co Plan de Cooperación da Deputación (CooperOU). O PP votou a favor, abstivéronse o PSOE e DO e votaron en contra o Partido Galeguista e BNG.

0.17758798599243