Barbadás prepara unha nova ordenanza de tráfico enfocada na mellora da circulación e da seguridade dos peóns

O Concello de Barbadás está a ultimar os detalles para establecer unha nova ordenanza reguladora do tráfico, a mobilidade e a seguridade viaria no municipio, cunha normativa que se está a elaborar de forma conxunta coa Policía Local e cos servizos de Emerxencias e Protección Civil. O obxectivo do goberno local é mellorar a circulación nas zonas con maior intensidade de tráfico e reforzar a seguridade dos peóns.
Entre as medidas previstas inclúese o incremento da iluminación en cruces e interseccións con maior afluencia de vehículos e viandantes. Neste sentido, o alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, explicou que “nestes momentos estanse analizando diversos sistemas para favorecer a visibilidade dos pasos de peóns e en breve, en base ao informe da Policía Local, adoptaremos as medidas oportunas”.
A nova ordenanza tamén contempla actuacións en materia de pacificación do tráfico. No pleno ordinario do mes de abril, o tenente de alcalde e concelleiro de Seguridade, Daniel Rey, avanzou en resposta a unha moción do grupo socialista que “está previsto aumentar a sinalización, vertical e horizontal, da velocidade máxima de 30 quilómetros en todos os núcleos de Barbadás, xa que vemos que non todos os condutores respectan o regulamento”.
Ademais, o texto normativo incluirá a regulación do uso de prazas de estacionamento en espazos públicos por parte de negocios e establecementos comerciais, un dos aspectos que se incorporan á ordenación da mobilidade no municipio.