Barbadás presenta o Plan de Obras 2026 cun investimento de 3,3 millóns de euros

O goberno local de Barbadás deu a coñecer o Plan de Obras 2026, cualificado como o máis ambicioso da historia do concello ao mobilizar un total de 3,3 millóns de euros. A presentación tivo lugar esta mañá ante os medios de comunicación en Finca Fierro, onde o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, amosou a súa satisfacción por poder dar a coñecer un plan que, ao seu ver, reflicte o esforzo desenvolvido polo equipo de goberno nos últimos meses. O rexedor tivo tamén palabras de recoñecemento cara ao tenente de alcalde e responsable da área de Obras, Daniel Rey.
Durante a súa intervención, Valcárcel destacou o alcance das intervencións previstas, que afectarán a ámbitos moi diversos: instalacións deportivas, estradas e camiños, beirarrúas, edificios municipais, iluminación, seguridade para os peóns e espazos verdes, entre outros. O alcalde subliñou que os investimentos se repartirán practicamente por todas as zonas do municipio, co obxectivo de que beneficien de xeito directo á veciñanza. Así mesmo, agradeceu a colaboración doutras administracións, como a Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense, na execución de varias das actuacións.
Entre as obras máis destacadas do plan figura a ampliación do polideportivo municipal, cun orzamento de 1,2 millóns de euros; traballos de pavimentación en distintos puntos do concello, dotados con 300.000 euros; a posta en marcha dun refuxio climático na praza do Campo de Loiro, cun investimento de 120.000 euros; a colocación de velas de sombra en varios parques infantís, con 60.000 euros; e a mellora da eficiencia enerxética do local de Protección Civil, cun orzamento de 50.000 euros.
Pola súa banda, o tenente de alcalde, Daniel Rey, incidiu no importante esforzo económico realizado polo Concello, ao sinalar que esta cifra de 3,3 millóns de euros supón un nivel de investimento en obras moi superior á media do resto de concellos galegos. Rey precisou que, aínda que o plan conta coa colaboración doutras administracións, Barbadás achega recursos propios a todas as actuacións incluídas.
Neste sentido, o responsable de Obras puxo como exemplo os traballos que se están a levar a cabo actualmente en Finca Fierro para mellorar o pavimento, nos que colabora a Deputación de Ourense: o servizo provincial de vías e obras achega a maquinaria e a man de obra, mentres que o Concello se encarga de fornecer o material necesario.
Rey tamén quixo poñer en valor o labor constante do persoal municipal, así como a implicación da veciñanza no deseño do plan. Segundo explicou, dende o goberno local mantívose unha escoita activa cara á poboación para coñecer cales son as necesidades máis urxentes do municipio, co fin de dar resposta ás demandas formuladas polos veciños.
O Plan de Obras 2026 inclúe preto de trinta liñas de actuación, das cales unha parte xa está finalizada. Segundo as previsións do goberno municipal, o conxunto dos traballos deberá quedar completado na súa totalidade antes de que remate o ano.