Barbadás reclama medidas para implantar o transporte metropolitano

OurenseXa
Dende o Concello de Barbadás reclaman a adopción de medidas a curto plazo para instaurar o transporte urbano de viaxeiros na área metropolitana de Ourense
Concello_barbadas
Casa do Concello de Barbadás
17 mar 2024

Barbadás é un dos concellos máis afectados pola ausencia do transporte metropolitano. Hai máis dun lustro que Barbadás ten aprobada a normativa para instaurar o transporte metropolitano, que tampouco funciona por mor da inacción do goberno autonómico.

“Sufrimos desde hai anos e no 2020 empezamos a aplicar bonificacións ás veciñas e veciños que utilizan o transporte para ver de minimizar os custos repercutidos aos usuarios polo servizo de transporte que dispón a Xunta de Galicia”, aclara Xosé Carlos Valcárcel, alcalde de Barbadás.

O custe do billete é de 1,55 euros, sufragando o concello descontos do 55% para pensionistas, do 48% para estudantes e do 100% para persoas en risco de exclusión social.

“Máis de 215.000 viaxes teñen como orixe ou destino Barbadás, para o cal aplicamos 308.000 bonificacións en 2023, cun custo para as arcas municipais de 93.000 euros”, explicou Valcárcel, quen destacou o desenvolvemento das liñas, avantaxes tarifarias e melloras a nivel de infraestruturas e dotacións que implicaría o transporte metropolitano.

O bloqueo do transporte urbano metropolitano suscita polémica en Ourense cada certo tempo, pero sen que a situación avance, sendo a tónica habitual o cruce de reproches entre diferentes administracións.