Barbadás reparte 14.000 euros en axudas para clubs deportivos do municipio

O Concello de Barbadás puxo en marcha unha nova convocatoria de subvencións dirixida ás asociacións e clubs deportivos do municipio, cunha dotación total de 14.000 euros para a anualidade 2025. A publicación do extracto desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Ourense (BOP) abre o prazo para que as entidades interesadas poidan presentar as súas solicitudes.
Poderán optar a estas axudas as asociacións e clubs deportivos legalmente constituídos e sen ánimo de lucro que figuren inscritos no Rexistro Municipal de Asociacións Deportivas de Barbadás antes da publicación da convocatoria, teñan o seu domicilio social no municipio e desenvolvan alí a súa actividade, ademais de cumprir o resto de requisitos recollidos nas bases reguladoras.
O obxectivo destas axudas é impulsar a actividade deportiva a nivel local, apoiar o traballo das entidades que forman o tecido asociativo do municipio e fomentar entre os veciños a práctica deportiva e os hábitos de vida saudables.
Para iso, o Concello deseñou dúas liñas de axuda diferenciadas. A primeira está pensada para a organización de actividades deportivas federadas e outras iniciativas de especial relevancia social que repercutan na promoción económica, e conta cun importe máximo de 5.000 euros, cun tope de 2.500 euros por entidade. A segunda liña destínase a cubrir os gastos de funcionamento dos clubs relacionados coa participación e organización de competicións e actividades oficiais federadas, cunha partida máxima de 9.000 euros e un límite de 900 euros por entidade.
Segundo recollen as bases, os fondos poderán repartirse de forma proporcional entre os solicitantes cando así o determinen as condicións establecidas, e a concesión definitiva das axudas quedará suxeita á dispoñibilidade orzamentaria do vindeiro exercicio.
As entidades interesadas disporán de dez días hábiles dende o día seguinte á publicación do extracto no BOP para formalizar a súa solicitude. Este trámite deberá realizarse de maneira exclusivamente telemática, a través da sede electrónica do Concello, achegando toda a documentación que esixen as bases reguladoras.
Unha vez concedidas as subvencións, os clubs beneficiarios terán tempo ata o 18 de decembro de 2026 para presentar a documentación que xustifique o uso dos fondos recibidos, cumprindo así cos prazos fixados polo consistorio para o peche do procedemento.