Barbadás reparte “porta a porta” os materiais para a recollida de materia orgánica en colector marrón

OurenseXa
Ao longo deste mes de abril, o Concello de Barbadás repartirá “porta a porta” na Valenzá os materiais necesarios para o uso dos novos colectores marróns, destinados á fracción orgánica do lixo
concello_barbadas_recurso
Concello de Barbadás
15 abr 2024

A finais do ano pasado, o Concello de Barbadás puxo en marcha a campaña “Ti tes a chave”, que fomenta a compostaxe e a implantación do colector marrón a pé de rúa. O municipio é pioneiro na provincia en promover a recollida de materia orgánica mediante este procedemento.

Dentro desta campaña, ao longo do mes de abril, o Concello de Barbadás repartirá “porta a porta” na Valenzá os materiais necesarios para o uso dos novos colectores marróns, destinados á fracción orgánica do lixo.

Os paquetes que se reparten entre a veciñanza da Valenzá inclúen os seguintes materiais: chave de acceso ao colector para intentar limitar o uso indebido do mesmo; caldeiro para axudar a separar os residuos orgánicos; bolsas compostables, indispensables no uso do colector marrón e díptico informativo.

Para aquelas persoas que desexen participar na iniciativa e non queiran esperar a visita ou non se atopaban na casa durante a mesma, poden anotarse no programa a través de https://barbadas.rsu.gal/ e recoller os materiais na oficina da Policía Local.

Durante o pasado outono levouse a cabo unha campaña informativa coa instalación de carpas en diferentes puntos do concello A todos os veciños e veciñas que se achegaron ata elas explicóuselles que para abrir o colector marrón precísase unha chave que permitirá acceder aos colectores que estarán pechados para conseguir un reducido número de impropios que permita levar a materia orgánica a unha planta de compostaxe para convertelos en abono.