Barbadás revisa o servizo de transporte urbano trala recepción de queixas veciñais por saturación en certos horarios

O Concello de Barbadás levou a cabo unha revisión do funcionamento do servizo de transporte urbano, dependente da Xunta de Galicia, despois de que varios veciños e veciñas trasladasen queixas sobre a saturación dalgunhas liñas de autobús nos horarios do mediodía. O alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, pediu á empresa concesionaria do servizo que achegase información detallada sobre o número de pasaxeiros rexistrado durante o mes de setembro, así como sobre as medidas adoptadas para solucionar o problema.
Segundo explicou o rexedor, a compañía xa reforzou o servizo correspondente ás 14.10 horas, franxa na que se concentra boa parte do alumnado que regresa desde Ourense durante o parón do mediodía.
En canto ao horario das 14.35 horas, o número de viaxeiros non chegou en ningún caso ás 53 persoas, moi por debaixo da capacidade máxima autorizada dos vehículos, que se sitúa en 107 prazas. Aínda así, a propia empresa concesionaria recoñece que, aínda que non se incumpra ningún límite legal, superar os 70 usuarios non resulta óptimo para a comodidade dos pasaxeiros.
Respecto ao servizo das 15.00 horas, os datos facilitados reflicten que unicamente en dúas xornadas de setembro, os días 15 e 16, se superou esa cifra de 70 persoas, con 71 e 79 pasaxeiros respectivamente. O alcalde subliñou que, de momento, estes foron os únicos repuntes detectados e que a tendencia xeral apunta a unha afluencia axeitada para a comodidade dos usuarios. A empresa comprometeuse ademais a seguir analizando a evolución deste horario nas vindeiras semanas, co obxectivo de atender a petición trasladada polo Concello.
Malia tratarse dun servizo que depende da Xunta de Galicia, o Concello de Barbadás destinou neste 2026 un total de 180.000 euros do seu orzamento municipal para rebaixar o prezo do billete aos veciños e veciñas do municipio.
Por outra banda, o Concello tamén asume o custo do transporte para o alumnado de Bacharelato e Formación Profesional, un servizo que non forma parte das súas competencias municipais, ante a falta desta prestación por parte da Xunta de Galicia.