Barbadás ten aberta a convocatoria de axudas ás súas asociacións veciñais con 16.000 euros para 2026

O Concello de Barbadás puxo en marcha unha nova liña de axudas dirixida ás asociacións veciñais do municipio, co obxectivo de respaldar o seu labor e fomentar a vida asociativa entre a veciñanza. A convocatoria, correspondente ao exercicio 2026, conta cunha partida total de 16.000 euros procedente do orzamento municipal.
Poderán optar a estas subvencións as asociacións de carácter veciñal que estean legalmente constituídas, inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións do Concello e que teñan a súa sede e actividade dentro do termo municipal de Barbadás. Ademais, as entidades interesadas deberán carecer de ánimo de lucro e estar ao día nas súas obrigas con Facenda e a Seguridade Social.
O diñeiro está pensado para apoiar programas e actividades que fortalezan a convivencia e a participación veciñal, xa sexan de tipo cultural, social, deportivo, formativo ou de lecer. Cada asociación poderá recibir como máximo 2.000 euros, aínda que o Concello poderá repartir de forma proporcional o importe total dispoñible entre todas as entidades que resulten beneficiarias, en función do número de solicitudes recibidas.
As asociacións interesadas terán un prazo de dez días hábiles para presentar a súa solicitude, a contar desde o día seguinte á publicación do anuncio no Boletín Oficial da Provincia de Ourense. Os trámites deberán realizarse exclusivamente por vía electrónica, a través da sede dixital do Concello de Barbadás, onde se habilitou un apartado específico para esta convocatoria.
En canto ao calendario de execución, as actividades subvencionadas terán que terse levado a cabo e pagado entre o 1 de decembro de 2025 e o 30 de novembro de 2026. As asociacións beneficiarias disporán despois ata o 18 de decembro de 2026 para presentar toda a documentación que xustifique o uso da axuda recibida.