Beariz recibirá máis de 63.000 euros para transformar o seu antigo campo de fútbol nunha zona deportiva e de lecer

OurenseXa
O Concello contará con esta axuda para recuperar un espazo en desuso, que xa conta con pistas de pádel operativas e sumará proximamente unha pista multideporte
Infraestructuras deportivas Beariz
Imaxe de arquivo ilustrativa
1 Oct 2026

O municipio ourensán de Beariz recibirá máis de 63.000 euros destinados a transformar o antigo campo de fútbol do Monte de Goberna nun novo espazo dedicado ao deporte e ao lecer ao aire libre. O terreo, que levaba tempo en desuso e presentaba un notable deterioro, xa conta cunhas pistas de pádel recén construídas e en pleno funcionamento.

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou este xoves as novas instalacións acompañado da directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e do delegado territorial en Ourense, Manuel Pardo. Durante a visita puideron comprobar o estado das pistas de pádel, financiadas con 29.390 euros procedentes da convocatoria de 2025 de axudas a infraestruturas de uso público.

A recuperación do espazo non remata aí. No mesmo terreo instalarase proximamente unha pista multideporte, para a que xa se concedeu unha nova axuda de 33.778 euros, neste caso correspondente á convocatoria de 2026 da mesma liña de subvencións. Sumando ambas as actuacións, o investimento total supera os 63.000 euros.

Calvo salientou que esta nova pista multideporte sumarase á de pádel, de forma que o recinto poderá acoller distintas modalidades deportivas nun mesmo espazo. Na súa opinión, isto beneficiará especialmente aos máis novos do municipio, aínda que tamén ás persoas maiores, ao ampliar as opcións para manter unha vida activa. O conselleiro remarcou que este tipo de proxectos reflicten o respaldo do Goberno autonómico aos concellos para mellorar as súas instalacións deportivas e facilitar o acceso dos veciños á práctica de exercicio físico.

As axudas que fixeron posible esta transformación proceden da Orde de infraestruturas de uso público, unha liña pensada para apoiar aos concellos de menos de 30.000 habitantes na creación e mellora de instalacións e equipamentos municipais. Esta convocatoria conta este ano cun orzamento de 3,5 millóns de euros e pode financiar ata o 80 % do custo de cada proxecto. Só durante 2025, permitiu apoiar 106 proxectos municipais repartidos por toda Galicia, 34 deles na provincia de Ourense.

Melloras tamén no local social de Alvite

A xornada de visitas do conselleiro incluíu ademais unha parada en Alvite, onde puido coñecer as reformas realizadas no local social da localidade. Neste caso, a Xunta colaborou cunha achega de 31.040 euros, repartida entre as convocatorias de 2020 e 2021 do Plan específico de acción comunitaria.

Grazas a esta axuda puidose renovar o espazo e dotalo de novo mobiliario e equipamento audiovisual. Tamén se levaron a cabo melloras no exterior, como a colocación de lousas de pedra, a plantación de camelias, a instalación dun valado e o acondicionamento dunha zona pensada para proxeccións de cine ao aire libre durante os meses de verán.

Esta liña de axudas está orientada a impulsar a dinamización social e comunitaria das asociacións veciñais, as comunidades de usuarios de augas e as asociacións de mulleres rurais de Galicia. Para este ano conta cun orzamento de 3 millóns de euros, dos que 2,6 millóns se reservan para obras e 400.000 euros para a adquisición de equipamento.

Calvo lembrou, por último, que ademais destas liñas específicas, o Goberno galego conta con outros instrumentos de apoio aos municipios, como o Fondo de Compensación Ambiental, que este ano eleva a súa dotación ata os 11,4 millóns de euros; a liña de apoio a proxectos estratéxicos do Fondo de Cooperación Local, dotada con 10 millóns de euros en 2026; e o propio Fondo de Cooperación Local, que alcanza os 187 millóns de euros, un 12 % máis que en 2025.

0.15309596061707